O PP mostra a súa sorpresa ante o anuncio que fixo o alcalde, decantándose por un vial que xa ten parte contemplado no PXOM

Ponteareas, 01 de febreiro de 2019.- O PP está sorprendido do anuncio emitido pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Ponteareas presentando, como propio, un vial que ten parte xa contemplado no PXOM aprobado inicialmente hai cinco anos, e o tramo novo que propoñen, con saída á N120, está moi próximo ao trazado da Variante. “Non sabemos se é que non coñecen o PXOM ou se xa descartaron a construción da Variante que está no documento de ordenación urbanística”, critican os populares.

O PP considera que este anuncio non é máis que para tentar tapar a falta de interese do PSOE e do alcalde Represas na construción da Variante e na mellora da seguridade da N-120. “Non se preocupan de recuperar os investimentos que perdemos e xa están a anunciar novas obras que saben que non se van executar, o seu é a política da improvisación e da propaganda”. O PP lémbralle ao tripartito que o vial que desatascará os accesos a Ponteareas chámase Variante ou Circunvalación, e que o goberno debería estar a loitar en Madrid para non consentir o recorte de 27 millóns de euros.

Coa Circunvalación sí que se beneficiaría o tráfico no casco urbano porque se desviarían os vehículos pesados polo centro, e a parroquia de Angoares liberaríase do paso diario de miles de vehículos.

O PP sorpréndese da estratexia que está a seguir o alcalde presumindo de grandes proxectos, cando o único que fixo durante estes catro anos foi a famosa obra de humanización do Paseo Matutino, que aínda a día de hoxe segue sen rematar e onde todos os veciños de Ponteareas son testemuñas da gran chapuza.

Ante as manifestacións do deputado provincial, Uxío Benítez, de que van acelerar unha tramitación dende a Deputación para a creación deste vial, porque a Xunta ten o PXOM paralizado, o PP recoméndalle que se informe antes de facer declaracións tan desafortunadas. “A Xunta de Galicia non fai Plans Xerais, e neste caso non coñece o documento que confeccionou o Goberno local”.

O alcalde continúa “vendendo fume”, porque non ten financiación para executar o vial que ven de anunciar, e porque fala dunha nova iniciativa que  en parte xa está contemplada hai anos, e que está esperando o seu desenvolvemento co PXOM, que o alcalde ten paralizado a día de hoxe.