O PP solicita no próximo pleno municipal melloras urxentes na cuberta da piscina do complexo Álvaro Pino

-“Instamos ao Goberno local a que de xeito urxente habilite no orzamento prorrogado para este ano 2019 unha partida económica suficiente para levar a cabo a substitución da cuberta do pavillón municipal da piscina”.

Ponteareas, 9 de xaneirode 2019.- O PP rexistrou unha moción para que de forma urxente se arranxe a cuberta do pavillón municipal. Despois dunha visita da portavoz e candidata popular, Belén Villar, ás instalacións deportivas municipais Álvaro Pino, constatáronse diversas anomalías e necesidades que son postas de relevo polos centos de usuarios que cada día acoden ao ximnasio e á piscina, “sendo o máis grave que observamos, nestes momentos, as filtracións e goteiras que ten a instalación en días de choiva, orixinadas polo deterioro da cuberta, que ten máis de 25 anos”.

O PP foi pioneiro na construción de todas as instalacións deportivas que na actualidade están a disposición dos usuarios e clubs deportivos, e vai seguir apostando polo mantemento destas instalacións e pola construción doutras novas tan necesarias en Ponteareas pola elevada demanda existente. Este complexo é a instalación deportiva con máis accesos e maior superficie da comarca, 7.790 metros cadrados, ademais do edificio público máis transitado do municipio. Conta con máis de 1500 usuarios.

Por todo isto, o grupo municipal do Partido Popular, solicita ao Pleno da Corporación a adopción do seguinte acordo: instar ao Goberno local a que de xeito urxente habilite no orzamento prorrogado para este ano 2019 unha partida económica suficiente para levar a cabo a substitución da cuberta do pavillón municipal da piscina.