Na pasada lexislatura, tanto o BNG como o PSOE esixían como “prioridade absoluta e condición irrenunciable” para dar o seu apoio a aprobación provisionalmente do PXOM a aprobación en paralelo do “Plan Parcial de A Lomba (Areas)” co fin de acadar o máis axiña posible solo industrial para que as nosas empresas poidan dispor dos mellores asentamentos.
O curioso, segundo o Portavoz do PP, é que un ano despois, o Sr. Represas e a Sra. Garrote xa no goberno municipal aprobaban provisionalmente o PXOM, iso si, grazas á responsabilidade do PP, pero sen existir rastro de ningún documento do devandito Plan Parcial, e todo elo a pesar do anunciado polo Sr. Alcalde e a Concelleira de Urbanismo que co famoso orzamento para ano 2016 iría incluída unha partida para a redacción do“Plan Parcial de A Lomba”.
Xa, un ano máis tarde, á vista do seu incumprimento, en febreiro de 2017, o Sr. Represas volvía a anunciar que o farían con fondos do propio Concello e que contarían co financiamento da Deputación.
Agora, pasado outro ano máis, o goberno parece que xa se esqueceu de todo este asunto, como se xa non fose unha prioridade absoluta e irrenunciable, tal e como defendían daquela cando estaban na oposición.
Polo tanto, dende o PP, consideramos que agora ante a boa situación económica do Concello grazas ó cumprimento e remate do Plan de Saneamento Económico-Financieiro (2014-2016) que permitiu que o Concello, dende xaneiro de 2017, ingrese o 100% do PIE e ante unha maior recadación de impostos e taxas, o Concello está en boas condicións para afrontar este gasto tan prioritario e necesario para o futuro empresarial de Ponteareas e consecuentemente para a creación de emprego.
Por iso, e visto que unha vez máis no documento entregado do Orzamento para este ano 2018 non aparece unha partida económica suficiente para este gasto de vital importancia para seguir avanzando na consecución de solo industrial para as empresas de Ponteareas o PP solicitará no pleno municipal que o goberno inclúa unha partida económica suficiente no Orzamento municipal para o exercicio 2018 para a redacción e tramitación do Plan Parcial de A Lomba (Areas).