O PP sorpréndese do cambio de postura do goberno respecto á ampliación da depuradora municipal (EDAR)

Nos últimos meses o Sr. Represas e a Sra. Garrote anunciaron nos medios de comunicación que Ponteareas tiña a necesidade imperiosa de construír unha “nova Depuradora de Augas Residuais” (EDAR) augas abaixo do río Tea para rematar coa contaminación das augas do río. Unhas semanas despois deste anuncio, o Sr. Alcalde anunciaba que na visita co Director de Augas de Galicia lle expuxera a necesidade de financiar a “ampliación da EDAR actual” da Moscadeira.

Ante estas dúas propostas contraditorias, o GM do PP solicitou ó Alcalde no pasado pleno municipal “por cal das dúas alternativas se inclinaba o goberno”, contestando o Sr. Alcalde que polas dúas, unha a corto prazo e a outra a longo prazo.

Para o PP esta é outra das moitas contradicións ás que nos teñen acostumados este goberno tripartito, que esixían e defendían unha cousa cando estaban na oposición e agora, no goberno, propoñen e fan o contrario.

Segundo Solla, tan só basta recordarlles que no ano 2010, o anterior goberno do PP solicitou a Augas de Galicia un “Estudo de Alternativas sobre a Depuración das Augas Fecais do municipio”, que concluía que a mellor alternativa era a “Ampliación da EDAR actual” fronte á construción dunha nova, non só polo seu menor custo, se non porque a nova requiriría unha condución paralela ao río Tea para conectar ambas depuradoras, o que suporía a unha enorme afección do espazo protexido do dominio hidráulico.

Ademais, no ano 2012, ante unha proposta do goberno do PP para a aprobación do proxecto de Ampliación e Mellora da EDAR actual, tanto o Sr. Represas (BNG) como a Sra. Garrote (PSOE) manifestaban que a Moscadeira non era o sitio máis axeitado para facer esta ampliación, que non se resolvería o problema e que non querían sacrificar a única zona urbana do río xa que converteriamos o Parque da Moscadeira máis que nun paseo fluvial, no paseo polas depuradoras.

Para González Solla, parece que este goberno, 6 anos despois, xa se esqueceron de isto, e agora tratan de vender e xustificar que primeiro hai que facer esta ampliación da EDAR actual antes da construción dunha nova, e todo porque agora o Ministerio de Medio Ambiente acaba de anunciar o financiamento da ampliación da EDAR Municipal de Ponteareas con fondos europeos do período 2014-2020, para dar cumprimento así á Directiva da UE sobre a mellora do funcionamento das depuradoras municipais de núcleos superiores a 5.000 habitantes que teñan problemas graves de vertidos e de capacidade.

Para rematar, dende o PP nos alegramos de que o Ministerio de Medio ambiente comprometerase a financiar esta obra tan necesaria para Ponteareas e para o saneamento do río Tea, despois de que no pasado período 2007-2013 financiase a obra do Regato da Venda, á vez que tamén nos alegramos de que este goberno tripartito cambiase de idea respecto da obra da “Ampliación da EDAR Actual”, aínda que sexa tan só porque agora BNG,PSOE e ART están no goberno.