O Goberno local non cumpre co sector do Taxi

Na lexislatura pasada no pleno de febreiro de 2015 xunto coa aprobación inicial da Ordenanza do Servizo de Taxi se aprobaba un acordo no que se recollía que o concello “asumiría o compromiso económico xunto coa participación directa das asociacións de taxistas de Ponteareas para a amortización en cinco anualidades de 12 licenzas de taxi ata cumprir coa legalidade”.

Ademais, nese pleno tanto o Sr. Represas como a Sra. Garrote afirmaban que era un erro aprobar inicialmente a Ordenanza tal cal se presentaba en referencia o anexo das paradas, xa que tan solo se recollía a súa ubicación e polo tanto non se resolvía o problema, deixando o conflito en mans de que non ten que resolvelo e acusando o goberno do PP de tibiedade neste asunto.

Agora, despois de máis de 2 anos e medio podemos comprobar que este novo goberno tripartito non fixo nada de isto, tan só tiveron diversas reunións a petición, por suposto, dos taxistas, nas que o único que lles trasladaron foi o de sempre “de que non hai cartos”, botándolle unha vez máis a culpa ó PP para tratar así de evadir as súas responsabilidades.

Pois ben, dende o PP queremos recordarlle ó goberno que foron eles os que propuxeron estes dous acordos sabendo que a situación económica do Concello naquel momento era peor que agora. Polo que non vale agora desculparse dicindo que se van comprometer a buscar unha solución, cando isto xa é un acordo plenario e moito menos buscar desculpas baratas de cando haxa viabilidade legal e económica, porque o único que ten que haber para resolver o conflito das paradas como o da amortización de licenzas é “valentía e vontade política”, cousa que ata o de agora non o demostraron fuxindo do asunto.

Para rematar, segundo Salvador González Solla, dicir que estes feitos son e foron unha clara mostra da utilización política do sector do taxi en Ponteareas de xeito claramente partidista e electoralista por parte do BNG e do PSOE.