- O Sr. Represas goberna dunha forma autoritaria e ditatorial xa que non respecta nin os tempos nin permite a participación da oposición.
- Convoca Comisións Informativas e Plenos urxentes que non son tal, o que denota a falta de planificación e de previsión dun goberno que vai á deriva.
Despois de máis de dous anos de lexislatura, dende o PP comprobamos que, pleno tras pleno, o Alcalde segue a confeccionar as ordes do día segundo lle convén, introducindo por un lado asuntos que non son competencia de Pleno que sí vota, e pola contra, aqueles que non lle interesa votar, os trata como rogos, a pesar de que si son claramente competencia do Pleno.
Ademais, dende o PP, queremos denunciar ao Alcalde polo incumprimento reiterado e continuo de distintos acordos plenarios, como foron o caso da modificación das ordenanzas de vehículos (ITVM) e Plusvalías, a Convocatoria da Comisión de Seguimento da obra de Canedo para que esta emita o seu ditame e, por suposto, a non creación e convocatoria da Comisión de Seguimento para investigar e analizar os distintos contratos externos realizados por este goberno municipal no que vai de lexislatura.
Dicir tamén que o Alcalde tomou como práctica habitual convocar Comisións Informativas sen cumprir cos prazos mínimos de tempo, regulados por Lei, para facilitar a participación dos membros da Corporación Municipal que non teñen dedicación, cando os asuntos a tratar non son para nada urxentes, o que nos fai pensar que se trata dunha nefasta planificación e nula previsión dun goberno que vai á deriva ou ben, que sería o máis grave, trata de ocultar a documentación para imposibilitar a normal participación e transparencia na fiscalización e control da acción do goberno por parte da oposición.
Por último, despois de máis dun ano de que o Pleno aprobara a creación desta Comisión de Seguimento das privatizacións e contratos externos e, despois doutro acordo plenario no que se reprobou ao Alcalde por estes incumprimentos, este, unha vez máis, sáltase a legalidade e as súas responsabilidades ao non ter a valentía suficiente de convocar a mesma e entregar, dunha vez por todas, aos partidos da oposición toda a documentación referente aos contratos externos, si é que existen, e os listados coas facturacións completas destas empresas contratadas ata a data.