- Publican na páxina web do Concello notas de prensa insultando aos grupos políticos da oposición.
- Esiximos ao Alcalde independentista que retire inmediatamente todas aquelas alusións ofensivas e valorativas da labor da oposición.
O PP quere manifestar publicamente o seu total rexeitamento pola utilización e manipulación da información que fai o Alcalde e o seu goberno de xeito partidista nos distintos medios públicos de información institucional do Concello (páxina web, facebook, twitter), tendo en conta que estes medios deben ser unha canle de comunicación institucional, non un altofalante político a beneficio do goberno de turno e moito menos para chegar incluso a atreverse a insultar ao PP e a ACIP, tachándoos de covardía política por ausentarse do Pleno e non querer votar o que lle interesaba ao Alcalde, parécenos moi grave que minta tan descaradamente utilizando estes medios para se escusar das súas responsabilidades e dos seus erros e para acusar á oposición, e en especial ao PP, de falta de compromiso coa veciñanza pola perda dunha subvención de un 1.000.000 de euros para a realización dunha Rede de Calor con Biomasa.
O PP e os demais grupos da oposición levamos manifestado que sempre estaremos de acordo con todas aquelas obras que sexan beneficiosas para os nosos veciños pero, co que nunca estaremos de acordo é con darlle a nosa conformidade á tramitación dun expediente de contratación que presenta diversas irregularidades segundo os distintos informes da Secretaria Municipal.
Dende o PP queremos deixar claro que como grupo político maioritario da oposición temos clara a nosa responsabilidade política de control e fiscalización do goberno e así o demostramos na aprobación provisional do PXOM, votando a favor, cando, curiosamente, parte do propio Goberno tripartito votou en contra, a pesar de que para eles era un dos seus compromisos electorais.
Polo tanto, esiximos ao Sr. Alcalde que retire inmediatamente todas aquelas notas de prensa e noticias da páxina web, facebook,… nas que fan unha valoración partidista das mesmas utilizando os medios públicos municipais que son de todos os veciños e veciñas de Ponteareas.