-A modificación da Contribución que fai o Goberno, non afecta ó tipo impositivo que leva 7 anos no mínimo, nin ós valores catastrais das propiedades, porque é potestade do Catastro facelo e non do Goberno municipal
O Goberno tripartito do Sr. Represas non conta toda a verdade sobre a mellora na recadación do Concello, derivada principalmente do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) ou Contribución, que recadou este ano pasado máis de 3,1 millóns de euros, un 35% máis que en anos anteriores, o que supón case 1 millón de euros máis que podería destinar a baixar outros impostos.
O Goberno municipal levou ó Pleno pasado unha modificación no IBI, que consistía exclusivamente en aplicar bonificacións para determinados colectivos, e que aínda que foi aprobada por todos os membros da Corporación municipal, segundo o informe do Interventor, non vai ter incidencia sobre a maioría dos veciños.
Este imposto aínda que é recadado polos Concellos non é potestade do Alcalde nin do seu Goberno mudar libremente os Valores Catastrais das propiedades, que se fixan por Lei a nivel estatal.
En Ponteareas, o tipo impositivo que se aplica no IBI dende fai 7 anos é do 0,4%, o mínimo que permite a Lei, e que foi reducido polo goberno Popular no ano 2009, cando o Ministerio, daquela gobernado polo PSOE en Madrid, obrigou ó Concello a actualizar os valores catastrais que levaban máis de 20 anos sen actualizar, e a única opción que se logrou negociar, naquel momento, co Catastro foi que a aplicación deses novos valores catastrais se fixera durante 10 anos, de tal xeito que os veciños non comezaron a pagar polo 100% dos novos valores das súas vivendas.
Xa na actualidade, despois de que pasaron máis de 5 anos dende que en Ponteareas se fixo esta revisión, a Lei do Catastro permite revisar novamente ditos valores, cunha variación máxima do 10%, e que non afectará a todas as vivendas e propiedades urbanas por igual.
Polo tanto, afirma Belén Villar, este Goberno tripartito non fai máis que enganar ós cidadáns de Ponteareas, afirmando que vai a reducirse a contribución, porque o tipo impositivo non poden baixalo porque xa se está aplicando o mínimo e tampouco poden baixar os valores catastrais, máis alá que o que permite o Catastro.