-Despois do remate do Plan de Saneamento 2014-16 e dun ano de retraso na aplicación da redución do IVTM o Goberno tripartito quere que os veciños continúen pagando mais polos seus vehículos
O PP en Ponteareas facendo eco dunha petición da Asociación Cultural Club de Clásicos e Históricos do Condado, presentou unha moción para o Pleno celebrado este mes, para que no Imposto de Vehículos se fixe unha bonificación do 100% para os vehículos históricos e para os que teñan unha antiguedade mínima de 20 anos, moción que foi aprobada por todos os grupos da corporación municipal.
A maiores, os concelleiros populares recordáronlle ó Goberno que fai un ano o Pleno tamén acordou rebaixar o Imposto de Vehículos (IVTM) a valores do ano 2013, froito dunha moción do PP, porque finalizaba o Plan de Saneamento que a Corporación municipal aprobara e que tiña unha vixencia de 3 anos, rematando este a finais do ano 2016.
O PP consideraba de xustiza, que rematado o Plan de Saneamento as medidas que nel se aprobaron para pagar as obrigas históricas do Concello debían retornar os seus valores iniciais, e así o IVTM debía reducirse en base a un acordo que tiña que ser tomado antes de rematar o ano 2016 para que durante o ano 2017 os veciños visen reducido o que pagan polos seus vehículos, motos e tractores.
Pola contra o Goberno tripartito que tanto criticou na anterior lexislatura o aumento do imposto de vehículos non foron quen de aplicar dita redución para este ano 2017, actuando unha vez mais, de xeito contraditorio ó que dicían cando eran oposición, afirma Belén Villar, e iso que a situación económica do Concello antes era moito mais delicada porque as obrigas superaban os 14 millóns de euros e había unha retención dos ingresos do Estado dun 50% (mais de 2,4 millóns de euros ó ano)
Agora, xa a piques de rematar o ano 2017, o Goberno ven de entregar a todos os grupos da oposición unha proposta de modificación do Imposto de Vehículos para o ano 2018, e que para sorpresa de calquera que a vexa, continúa Villar, os que tanto criticaron o aumento do IVTM agora non o rebaixan ós valores que tiña, senon que pretenden manterlle unha subida do 6% os vehículos e dun 12% para camións e motos.