Para o PP, despois do magnifico discurso de investidura do pasado 13 de xuño de 2015, onde o Sr. Represas prometía, entre outras cousas, que “Ponteareas sería un concello transparente, con paredes de vidro, onde calquera cidadán podería comprobar en todo momento o que se fai cos seus cartos” queda, unha vez máis, patente a gran mentira do Alcalde e a demagoxia do seu goberno, xa que os feitos demostran todo o contrario.
Durante estes dous últimos anos, o noso GM do PP leva solicitando reiteradamente por escrito toda a información e documentación relativa aos numerosos contratos externos realizados por este goberno, así como o acceso aos listados das facturacións de todas e cada unha destas empresas contratadas, e o Sr. Alcalde unha, vez máis, volve a negarse a facilitar toda esta documentación a pesar de que no pasado pleno celebrado o 18 de abril se aprobase unha moción do PP para que nun prazo máximo de 15 días naturais (o 11 de maio) se constituíse unha “Comisión de Seguimento” que inspeccionase todos e cada un destes contratos que o Sr. Alcalde se nega a facilitar á oposición, xa que significan elevados e importantes gastos para as arcas municipais.
Dende o Partido Popular acusamos publicamente o Alcalde de obstrucionismo, ocultismo e falta total de transparencia coa oposición e en particular con este Grupo Municipal do PP, por seguir saltándose á torera a legalidade, sen facilitar en tempo e forma toda a documentación relacionada nos acordos aprobados polo Pleno e por non constituír, en tempo e forma, a “Comisión de Seguimento“ acordada polo Pleno municipal co voto favorable de toda a oposición e co voto en contra do propio goberno.
Por todo isto e porque nos asiste a lei, dende o PP esixímoslle dunha vez ao Alcalde que entregue de maneira urxente toda esta documentación solicitada e aprobada polo Pleno municipal ao conxunto da oposición e constitúa dunha vez a devandita Comisión de Seguimento, tan necesaria para facer unha boa labor de control e fiscalización de todos estes contratos e da súa legalidade.
En caso contrario, dende o PP anunciamos que tomaremos todas as medidas necesarias para denunciar onde corresponda e para que este goberno se deixe de tomarlle o pelo ao resto da corporación e cumpra dunha vez coa legalidade.