O Proxecto de Creación dun Centro de Interpretación do Río Tea non conta coa autorización dos colectivos de Fozara

 

No Pleno Extraordinario do pasado día 07 de agosto, o Goberno local aprobou un novo anteproxecto da Senda Fluvial do Río Tea – Tramo Padróns-Fozara.

Con este anteproxecto o Goberno do BNG-PSOE e Riada do Tea substitúen o proxecto aprobado na anterior lexislatura polo PP de Salvador González Solla, denominado “Senda Fluvial do Tea, tramo Padróns-Fozara” que contaba cunha subvención concedida xa no mes de febreiro do ano 2015 de 215.000 euros pola Deputación Provincial e que dispuña das correspondentes autorizacións sectoriais necesarias para a súa execución.

Agora, despois de máis de dous anos sen facer nada, unicamente solicitando prórrogas, propoñen un novo trazado que nalgún punto sepárase máis de 500 metros da conca do propio río Tea, xustificándose en que este trazado vai por camiños públicos, cando o que realmente evidencia e a falta de planificación, xestión e de consenso dun goberno incapaz de negociar e de chegar a acordos cos propietarios e colectivos titulares dos terreos.

Neste proxecto contémplase a  creación do Centro de Interpretación do río Tea na Casa Cultural de Fozara, feito que nos parece ben, “pero é lamentable que se aprobe un proxecto sen falar antes nin coa Asociación Cultural que rexe este Centro nin coa Comunidade de Montes de Fozara propietaria do terreos onde se empraza dita Casa Cultural” –díxolles o Portavoz do GM do Partido Popular no transcurso do Pleno- o que vén a demostrar, unha vez máis, é a absoluta improvisación e o abuso de autoridade por aprobar un proxecto no Pleno Municipal antes de Plantexar e obter por escrito a autorización dos titulares e adxudicatarios do centro.

Para o Grupo Municipal do Partido Popular o queda claro é que, unha vez máis, o goberno do BNG, PSOE e Riada do Tea, a sabendas, pretenderon con este Pleno Extraordinario foi aprobar proxectos e propostas sen os informes nin as autorizacións pertinentes para escapar do control da Secretaria Municipal (Habilitada Nacional).

En definitiva, o goberno de Xosé Represas, Chus Garrote e Manolo Troncoso paralizaron un proxecto do PP, xa aprobado en Pleno, e que contaba con todas as autorizacións pertinentes, para facer un novo, que nada ten que ver coa Senda do Tea e que, aínda por riba, ningunean aos veciños da parroquia de Fozara aos que non convidaron a participar e consensuar un proxecto que lles afecta directamente e que eles mesmos terán que xestionar. Este tipo de posturas recordan a outras épocas de condutas arbitrarias en que “yo mando y ordeno”, así preguntámonos, que foi daquelas fermosas palabras da investidura de: participación, consenso e transparencia, onde van elas!.