- O PP detectou moitas irregularidades cometidas de maneira consciente polo goberno local (BNG, PSOE e Riada do Tea) na tramitación do expediente “Mellora da Seguridade Viaria en Canedo”
- Como recoñece a Arquitecta Municipal non contaba coas obrigatorias autorizacións da Confederación Hidrográfica para realizar a obra.
- Para unha obra de 50.000 euros tiveron que redactar tres proxectos o que evidencia a incapacidade e unha auténtica chapuza do goberno (BNG, PSOE e Riada do Tea) para encubrir os erros na tramitación da subvención con intención de enganar á oposición empregando como encubridores á propia Deputación Provincial.
Na documentación de contratación e execución da obra de asfaltado da estrada de Canedo, di González Solla, detectamos certas anomalías, polo que solicitamos ao Alcalde, Xosé Represas, acceso a dita documentación e como nos vai tendo acostumados, foinos enredando negándonos copia da documentación, ata que tivemos que solicitar ao Pleno da Corporación a creación dunha Comisión de Seguimento da tramitación desta obra. Así que, despois de analizar con detalle toda a documentación que obra no expediente de asfaltado da estrada de Canedo, executada polo Concello a finais do 2016 e con cargo ao Plan Concellos 2016, detectamos as seguintes irregularidades constatadas documentalmente:
1º.- Que se incumpre en canto ás autorizacións sectoriais necesarias, ausencia das mesmas. Adxudicaron e certificaron a obra sen contar previamente coas correspondentes autorizacións vinculantes.
2º.- Existencia dunha clara e manifesta falsificación documental en referencia ao recollido na “Acta de Comprobación e Replanteo” e no posterior “Informe das diverxencias da cartografía” asinadas ambas polo Director de Obra, quedando reflectida unha clara contradición.
3º.- Tratan de xustificar un proxecto reformado cando en realidade este non o é, xa que este é un proxecto completamente distinto, onde se modifica máis do 90% do mesmo.
4º.- Certificacións de obra:
Primeiro: Certifican unidades de obra que o propio Director de obra di anteriormente no seu informe que non se poden facer e posteriormente a propia XGL dálle validez.
Segundo: Na primeira certificación, xustifican que botan dúas capas de aglomerado de 5 cm. cada unha e despois na segunda e última certificación, certifican que só botan unha única de 6 cm. Certificacións ambas, por certo, aprobadas pola XGL..
5º.- Segue sen existir un informe da Secretaria Municipal sobre a legalidade de toda a tramitación de obra deste expediente.
6º.- O informe do técnico do Servizo de Cooperación Provincial é un informe extemporáneo, feito á medida e que non se axusta á legalidade.
7º.- Recíbese unha obra antes de ser supervisada e aprobado o chamado proxecto reformado polo Concello nin pola propia Deputación Provincial.
8º.- Por último, en referencia ao escrito de notificación enviado pola Concelleira de Vías e Obras ao Director de Obra que obra no expediente, dicir que ademais de que a propia Concelleira recoñece no mesmo a irregularidade dos feitos, esta trata, con esta notificación, de emendar todas as irregularidades cometidas para evitar as súas responsabilidades
Por todas estas irregularidades aquí expostas, dende o grupo municipal do PP queremos que ademais de que se inclúan no ditame final tamén esixiremos que o goberno asuma as súas responsabilidades políticas.