O Goberno tripartito gasta 3,4millóns€ mais do permitido e leva ó Concello ó camiño da intervención por parte do Estado

 

O Alcalde e o Concelleiro de Facenda veñen de anunciar nos medios de comunicación datos correspondentes as contas do ano 2016 que dín reflexan a boa xestión que están a facer, cando a realidade é todo o contrario.

En primeiro lugar, afirma a concelleira Belén Villar, este Goberno tripartito cando fala dos bos resultados acadados esquécese comentar que incumpriron o Plan de Saneamento Financeiro 2014-16 ó haber gastado mais do permitido durante o tempo que levan gobernando e haberse apartado da senda iniciada polo goberno popular, de aforro e contención do gasto para o saneamento das arcas municipais.

A situación dende o 31 de decembro de 2016 mudou totalmente ó rematar o Plan de Saneamento Financeiro, e dado que non cumpriron co saneamento que no plan se recollía e que o Concello continúa tendo un Remanente de Tesourería negativo que ascende a -1,5 millóns €, a Lei lle obriga ó Goberno a buscar unha solución de “xeito prioritario” a calquer outra medida económica que pretendan facer e levala a cabo no primeiro Pleno que se celebre. Cuestión que tamén están incumprindo porque o Alcalde convocou e celebrou xa dous Plenos ordinarios e non incluiu unha proposta con medidas económicas para que a situación do Concello volte a estar dentro da legalidade.

O Sr alcalde explicaba nos medios de comunicación que “confía en convertir en positivo o remanente de tesourería” durante o ano 2017, cando a realidade é que xa tiña que habelo feito e previsto durante o ano 2016, e que agora dito incumprimento provoca unha situación irregular que deben resolver a maior brevidade pola aplicación do artigo 193 do Texto Refundido da Leis de Facendas Locais (TRLFL).

En segundo lugar, continúa a concelleira popular, tanto o Alcalde como o Concelleiro de Facenda esquecéronse de mencionar nas súas explicacións públicas, que durante o ano 2016 gastaron 3,4 millóns de euros mais do permitido, segundo os datos enviados por eles mesmos ó Ministerio, incumprindo así a Lei de Estabilidade Orzamentaria, co cal teñen un problema moi importante coa xestión que están a facer dende que entraron a gobernar no ano 2015, porque en vez de reducir as débedas e sanear o Concello, están gastando por enriba do que esta Administración pode asumir e voltan a incrementar a débeda en vez de reducila.

O incumprimento da Lei de Estabilidade Orzamentaria, provoca automáticamente que ó Concello se lle apliquen medidas coercitivas e sancionadoras, que derivarán nunha intervención por parte do Estado do noso Concello, se este Goberno non corrixe a situación.