21,4 millóns € nos Orzamentos do Estado para mellorar a N-120 e para a Variante de Ponteareas

 

Despois das distintas manifestacións vertidas nos medios de comunicación con relación á postura do PP en Madrid no que atinxe ás “melloras na N-120” ao seu paso polo termo municipal de Ponteareas, hoxe publicados os Orzamentos do Estado, podemos afirmar que o compromiso do Ministerio de Fomento con Ponteareas cúmprese e faise realidade cunha dotación no orzamento do Estado de 2,22 millóns €, 1,22 millóns € para executar neste ano e 1 millón € para o ano 2018.

A maiores, tamén quedou incluída unha partida económica de 19,20 millóns € distribuída en catro anualidades para a construción da “Variante de Ponteareas” que é outro dos grandes compromisos adquiridos polo PP e ratificado nun protocolo asinado pola Ministra de Fomento na anterior lexislatura, Ana Pastor e o exalcalde Solla e a Conselleira Ethel Vázquez.

No día de hoxe, o Deputado no Congreso pola provincia de Pontevedra, Tomás Javier Fole, achegouse á vila de  Ponteareas para reunirse cos representantes da Plataforma N-120 na Casa Cultural de Xinzo onde explicou os pormenores dos investimentos recollidos no presente orzamento do Estado que atinxen a Ponteareas e, ao mesmo tempo, aclarou a postura que adoptou o grupo popular en Madrid na Comisión de Seguridade e Movilidade que se celebrou a semana pasada.

Tomás Fole e Salvador González Solla, explicaron aos membros da Plataforma N-120 que o importante é que neste momento aparezan recollidas partidas económicas no orzamento 2017 do Estado, e menos importante é si eses cartos se invisten en rotondas ou en semáforos, porque iso é competencia dos técnicos de Fomento que deben facer un proxecto que mellore a seguridade vial, que é realmente o que lles importa aos veciños, e do cal estaremos pendentes para que sexa un proxecto consensuado cos membros da Plataforma e con todos os grupos políticos.

En contestación ás verbas da concelleira socialista de Ponteareas, Vanesa Fernández, alarmando aos veciños e desacreditando os concelleiros populares ao acusalos de desinterese polo noso pobo, Salvador González Solla dille á concelleira “que dende o grupo municipal popular levamos anos traballando nestes dous asuntos e tratando de buscar solucións tanto co Ministerio como coa Xunta de Galicia, e que grazas a este traballo acadáronse estes investimentos que agora sí están incluídos nos orzamentos do Estado”, e que si quere axudar e demostrar neste caso que o grupo socialista de Ponteareas apoia as demandas dos veciños o que debería facer é convencer aos seus representantes no Congreso e aos de En Marea para que apoien estes orzamentos.

Xa para rematar, dende o PP de Ponteareas sentímonos satisfeitos de que por fin se atendan estas dúas históricas demandas do pobo de Ponteareas que para nos son de xustiza e de máximo intereses non só para os veciños de Ponteareas senon tamén para os da Comarca.