Dende que o tripartito (BNG, PSOE e Riada do Tea) tomou as rendas do Concello, o abandono e a falta de mantemento en xeral das infraestruturas (limpeza de pozos de saneamento que provocan malos cheiros, retrocesos, vertidos…), parques, xardíns, estradas… municipais, tanto urbanas como rurais, é público e notorio. Son múltiples as queixas e denuncias que presentan multitude de veciños e colectivos perante o Concello que, na meirande parte delas, non son atendidas nin contestadas, dando xeralmente a calada por resposta.
Neste sentido atópase a Praza de Cáritas, sita na rúa Santa Ana, que, dun tempo a esta parte, amosa unha situación lamentable, durante esta lexislatura non se levou a cabo un mínimo mantemento dese patio que é frecuentado por moitos cativos, amosa unha total falta de limpeza, con zonas cheas de herba e acumulación de lixo; pódense ver plaquetas levantas, outras soltas, rotas e unha boa chea delas que xa non existen. Por esa mesma falta de mantemento, os desaugadoiros están atascados, a outros fáltanlle as tapas; tamén se pode ver un pasamáns roto; todo isto produce que nos garaxes se produzan goteiras procedentes da falta de mantemento desta praza.
A falta de seguridade para os cativos que xogan na praza e para as persoas maiores, así como a falta de limpeza e mantemento fixo que o nivel de crispación entre a veciñanza chegara a tal punto que, vendo que o Concello non cumpre coas súas obrigas máis básicas, as distintas asociacións de comunidades de propietarios e de garaxes que dan á praza de Cáritas, sita na rúa Santa Ana, demandan que de maneira urxente se leven a cabo unha serie de melloras (reposición de plaquetas rotas e inexistentes, arranxar e desatascar os desaugadoiros, repor o pasamáns roto e que rematadas as obras o Concello se responsabilice do mantemento integral deste espazo público para que poida ser empregado con garantías por os máis cativos.
Por todo isto o Grupo Municipal do Partido Popular instará ó goberno local a que busque unha solución á necesidade dun novo parque infantil nas inmediacións, tal e como reclaman os veciños.