O Pleno acordou crear unha comisión de Seguimento da obra de asfaltado da estrada de Canedo

 

O Grupo Municipal do Partido Popular de Ponteareas presentou para o seu debate polo Pleno da Corporación Municipal unha proposta de creación dunha “Comisión de Seguimento” sobre o expediente da obra de asfaltado da estrada de Canedo, esta iniciativa contou co respaldo favorable de vinte votos de PP, BNG, PSOE, ACIP, EU e unha abstención da Riada do Tea.

Esta iniciativa do PP vén xustificada tras detectar diversas irregularidades no proceso da tramitación deste expediente e, ao non poder ter copias da documentación que obra no mesmo, pola reiterada negativa da Alcaldía, feito que imposibilitou que puidera ser estudada toda a documentación con detemento.

Dende o Partido Popular entendemos que toda a tramitación deste expediente de obra foi unha verdadeira chapuza, cremos que a Xunta de Goberno Local cometeu unha manifesta irregularidade e ilegalidade na forma de proceder, aprobando unha certificación da obra antes de que se aprobase o “proxecto reformado”, cuestión esta que pon de manifesto a grave irregularidade administrativa cometida e posiblemente penal na tramitación e execución de todo este expediente de obra.

Ademais, é evidente que esta forma de tramitar este expediente produciuse un irreparable e grave prexuízo ás outras dúas empresas invitadas á licitación da obra, do que nos imaxinamos que ninguén do goberno asumirá as responsabilidades desta irregular tramitación.

Tamén, nos resulta curioso que no expediente de contratación da obra non apareza ningún informe previo da “Secretaria Municipal”, no que se requira, entre outras cuestións, un informe á oficina técnica sobre a viabilidade urbanística da obra (autorizacións necesarias, dispoñibilidade dos terreos precisos,…) tal e como se viña facendo anos atrás pola Secretaria Municipal. Razón pola que descoñecemos si son ou non necesarias algunhas autorizacións previas e vinculantes para a realización desta obra, tal e como pode ser a autorización de Patrimonio pola “posible afección ao área protexida do Convento e do Lavadoiro do regato da Venda” ou a da CHM-Sil pola “posible afección ao canle do Regato da Venda”.

En definitiva, o Pleno da Corporación Municipal acordou a constitución dunha “Comisión de Seguimento” que analice e supervise toda a documentación que figura no expediente da obra “Mellora da Seguridade Viaria de  Canedo”. Xustificación das distintas decisións adoptadas pola Xunta de Goberno Local e análise dos informes aportados ao expediente.

Tamén se acordou que esta Comisión se constituirá no prazo máximo de 15 días naturais a partir da adopción do acordo plenario, entregándoselle a todos os grupos da corporación coa suficiente  anterioridade a celebración da mesma, copias en formato CDs dos distintos proxectos que obran no expediente, así como calquera documentación que se sexa solicitada polos distintos grupos políticos. A Comisión disporá de 45 días naturais para emitir ditame e recomendacións.

Do mesmo xeito, o pleno acordou solicitar informe á Secretaria Municipal sobre a “legalidade da tramitación seguida pola Xunta de Goberno Local neste expediente de obra”.

Finalmente, o pleno acordou solicitar informe á Oficina Técnica Municipal sobre a viabilidade urbanística das obras (terreos precisos dispoñibles, licencias, autorizacións e concesións administrativas necesarias para a normal execución das obras,…).