O PP, a través do concelleiro Andrés Sampedro, denuncia que o Goberno Municipal de Ponteareas volve, unha vez máis, a perder outra subvención pola incompetencia do Sr. Alcalde, Xosé Represas, actuando unha vez máis fóra da lexislación vixente.
Despois da perda da subvención do Plan Marco de Infraestruturas Rurais de AGADER (PEIM) para o pavimentado de camiños rurais por importe de 87.611 euros, o goberno volve a perder outra subvención, neste caso a concedida o pasado mes de setembro pola Axencia Turismo de Galicia para a “Sinalización de pontes e áreas recreativas do Concello de Ponteareas” por importe de 8.361,67 euros.
Esta subvención fora solicitada polo goberno local a finais do mes de marzo de 2016, dentro da orde do 19 de febreiro de subvencións a concellos, para o apoio ás infraestruturas turísticas mediante o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural.
A perda do dereito ao cobramento da subvención por parte do Concello débese a que o goberno municipal non chegou a realizar parte das actuacións incluídas no proxecto subvencionado, como as que pretendían facer na “Ponte do Cabalón” (Angoares) coa colocación de varandas na propia ponte e a pavimentación asfáltica nos accesos. Actuacións, ámbalas dúas que cabe lembrar que se intentaron facer por parte do goberno “ás escondidas e por detrás”, sen contar coas preceptivas e vinculantes autorizacións de Patrimonio e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a sabendas, por parte do Alcalde, da obrigatoriedade de ter que solicitalas e agardar a ter as autorizacións para o inicio das mesmas.
Na actualidade, cabe lembrar que estas obras que foron iniciadas polo Alcalde non foron autorizadas e declaradas ilegalizables, polo que existe por esta razón un expediente aberto por parte de Patrimonio contra ao Concello por ser este o promotor das mesmas.
Finalmente, dende o PP denunciamos este comportamento reiterado do goberno local e o Alcalde, incumprindo constantemente, en todas as actuacións que están a levar a cabo, a legalidade urbanística vixente e que está levando a este Concello a perder subvencións reiteradamente.
Para o concelleiro Andrés Sampedro, este é outro claro exemplo da nula e nefasta planificación e xestión deste goberno tripartito incompetente.