O Pleno respaldou a solicitude do PP para que a Deputación constrúa un campo de herba sintética en San Mateo

 

  • O goberno do Sr. Represas boicoteando a moción do PP, pretendía facer primeiro un estudo para buscar o lugar idóneo para o cuarto campo de herba sintética, proposta que foi rexeitada pola totalidade da oposición.
  • Os directivos do Sporting Club San Mateo deixaron en evidencia ao concelleiro de Deportes Benito Márquez por non escoitar nin atender as demandas do Club e denunciaron que non se dignara a presentarse nas súas instalacións nos dous anos que leva como concelleiro de deportes.

 

No debate da moción presentada polo Partido Popular de Ponteareas quedaron patentes varias cuestións de gran transcendencia para o mundo do deporte local. Primeira, o goberno intentou boicotear a proposta do PP presentando unha emenda de substitución para que se redactara “un estudio técnico específico” co fin de buscar unha mellor ubicación para ese cuarto campo de fútbol de herba sintética. Os populares deixáronlles claro na súa exposición de motivos, que durante estes dous anos de goberno tripartito, xa van estando cansos de tantos estudos que non levan a ningures, que o único que fan é enredar, enganar aos veciños con falsas promesas e despois “si te he visto no me acuerdo”. Segundo, o que pretendía o goberno era non comprometerse nin comprometer á señora Carmela Silva con Ponteareas; esta forma de actuar deixa entrever un goberno débil e alineado ante a administración amiga, que aínda por enriba non é quen de esixir a atención das necesidades dos veciños e veciñas, máis se cabe neste caso en que o Sporting Club San Mateo é o único equipo de fútbol 11 feminino ponteareán, decano do fútbol feminino galego, con 26 anos de historia.

En terceiro lugar, o goberno local pretendía non só ningunear a proposta do PP, senón tamén, desprezar a un colectivo que con enorme esforzo e poucas axudas procura mellorar o seu campo de fútbol, non só para o seu equipo, senón para todos aqueles clubs e colectivos que así o requiran, xa que este é o único club de toda a liga feminina que disputa os seus partidos locais nun campo de terra, isto provoca a marcha de xogadoras a outros clubs  con mellores instalacións deportivas.

Recordan dende o Grupo Municipal do PP, que esta moción foi froito dun compromiso adquirido no seu día co Club Sporting San Mateo e coa propia Deputación Provincial, para dotar a Ponteareas dun cuarto campo de fútbol de herba sintética nas instalacións deportivas do Cruceiro en San Mateo, complementando así un importante complexo lúdico-deportivo, ademais aproveitando agora que a Deputación está a anunciar a adxudicación de diversos campos de fútbol de herba sintética por toda a provincia.

En definitiva, desexamos que o goberno local se implique de verdade, dunha forma clara e decidida, na solicitude desta importante infraestrutura e que loite por acadala e que todo isto non se quede nun mero trámite e traslado de petición á Deputación Provincial.