-O Goberno perdeu unha subvención de 87.000€ para o asfaltado de camiños en Cillarga, Cumiar e Mouro, e os grupos da oposición pedían a reprobación tanto do Alcalde como da Concelleira de Vías e Obras.
O Partido Popular critica a decisión do Sr. Alcalde de suspender o Pleno ó verse en minoría e para non votar o punto no que se reprobaba a súa xestión e a da Concelleira de Vías e Obras a Sra Garrote, e se pedía para ambos a súa dimisión por haber perdido unha subvención de 87.000€ do “Plan Marco de Camiños 2016” da Xunta de Galicia.
O Alcalde buscou o enfrontamento coa oposición co fin de lograr a suspensión do Pleno, para o cal esixiu que o grupo popular retirase o punto relativo a dimisión, e mantivese tan só o que correspondía a reprobación, cousa que os propoñentes da moción negáronse taxantemente, e mais tendo en conta que cando estaba na oposición o Sr Represas, en multitude de ocasións solicitou a dimisión do alcalde e concelleiros do goberno do PP, e daquela sempre se tratou e nunca se prohibiu ese debate e votación.
O fondo de todo isto que levou o PP a solicitar estas reprobacións e dimisións, radica na nefasta xestión que está a levar este Goberno, e que provocou a perda de cartos para ó Concello, para neste caso realizar asfaltados.
Esta deficiente xestión levounos a aprobar un proxecto que tiveron que modificar ata en tres ocasións, e tardaron seis meses en solicitar as autorizacións de Patrimonio, co cal finalmente estas non chegaron e non puideron realizar a obra en prazo, e tal e como nos teñen acostumados buscaron a quen culpabilizar, que neste caso foi Patrimonio.
O grupo popular considerou adecuado propor esta moción ó Pleno, porque non é a primeira vez que este Goberno que non ten planificación, causa danos ó noso Concello e ós intereses dos veciños, e neste caso como en outras moitas ocasións atopámonos cun alcalde que “para sairse coa súa” emprega formas ditatoriais e autoritarias no desempeño do seu cargo, que neste caso levouno a “forzar” o remate do Pleno porque sabía perfectamente que a moción ía ser aprobada porque a oposición tiña maioría ó non estar todos os concelleiros do goberno.