- A Rede Municipal de Casas Culturais, planificada e executada durante o goberno de Salvador González Solla, durante estes dous últimos anos non obtivo ningunha inversión por parte dos actuais mandatarios municipais.
O Partido Popular de Ponteareas presentou unha moción para o seu debate neste próximo Pleno Ordinario do mes de febreiro, na que instan ao goberno municipal a que remate a Rede Municipal de Casas Culturais.
Durante os últimos once anos de goberno municipal do Partido Popular acadouse a creación dunha “Rede Municipal de Casas Culturais” na que se investiron máis de seis millóns de euros en obras de nova construción, ampliación e mellora das instalacións socioculturais preexistentes.
Esta elevada inversión veu motivada pola inexistencia, en moitas das nosas parroquias, dun espazo público onde os veciños e colectivos parroquiais puideran reunirse para levar a cabo as súas reunións e o desenvolvemento de diversas actividades socioculturais.
Por esta razón, e a petición dos distintos colectivos parroquiais, o goberno popular elaborou unha ampla planificación coa construción de novos centros culturais e a ampliación e mellora dos xa existentes, co fin de crear e completar esta Rede Municipal de Casas Culturais.
Agora, nos case dous anos de goberno tripartito (BNG, PSOE e Riada do Tea), a inversión en novas obras nesta Rede de Casas Culturais foi cero, e o peor aínda é que dada a súa nula e nefasta xestión, os centros culturais cobraron a subvención municipal destinada ao mantemento e funcionamento destes espazos socioculturais a finais do mes de decembro, estando incluso algún centro, ao remate do mes de xaneiro deste ano aínda sen cobrar, polo que non entendemos cal é a política de apoio á cultura deste goberno, que deixa unha vez máis de lado aos colectivos veciñais e socioculturais, negándolles un mínimo apoio.
Dende o Partido Popular, o que si tivemos claro durante os once anos de goberno de Salvador González Solla, foi a nosa clara e decidida política cultural, onde ademais da remodelación integral do Auditorio Municipal, levouse a cabo a construción de novas casas culturais como as de: Arcos, Fozara, Bugarín, Prado, Moreira, Guláns, Guillade, Ribadetea e San Mateo; así como tamén, executáronse obras de ampliación, reforma e mellora: na Casa Cultural de Angoares, Areas, Celeiros, Cristiñade, Cumiar, Fontenla, na Casa Cultural de San Lourenzo de Oliveira, na Casa Cultural de Valverde en Santiago de Oliveira, Cillarga, no Centro Cultural dos Muíños de Santiago de Oliveira, Ermida de Pías, na Casa Cultural Irmáns Barcia na Portela, na Casa Cultural das Cortellas en Padróns e Xinzo.
Pero ademais de construír e colaborar cos diferentes colectivos nas diversas remodelacións, apostouse pola colaboración no seu funcionamento e mantemento, poñendo en marcha tres programas básicos para desenrolo destes centros, como foron o Plan Cultural Municipal dotado con 12.000 euros anuais, o Plan Formativo Municipal dotado tamén con outros 12.000 euros anuais e o Plan de Axudas ao Funcionamento e Mantemento dos Centros cunha dotación anual de 40.000 euros. Así como tamén, a realización de diversas zonas de xogo infantís e a pavimentación dos accesos e contornos das devanditas instalacións culturais, e todo isto nunha situación económica moito máis delicada da que se atoparon os actuais gobernantes.
Ante o slogan que vén empregando o actual goberno de que “non hai cartos”, hai que deixar claro que iso é totalmente falso, xa que por un lado, segundo a Deputación Provincial, Ponteareas vén recibindo dende o pasado ano un 13% máis de cartos no Plan de Obras da Deputación, uns 1,2 millóns de euros; tamén a partir deste ano 2017, o Concello ingresará un 50% máis do PIE, o que suporá un ingreso na tesourería municipal de máis de 2,4 millóns de euros anuais, e ao que hai que engadir todos os incrementos de taxas e impostos procedentes principalmente das novas altas no IBI e dos ingresos, a maiores, do imposto de IVTM, do de Construcións e das Plusvalías, que o goberno municipal negouse a tramitar a redución e bonificación dos mesmos, a pesar de ser este un acordo aprobado no Pleno de setembro do pasado ano 2016.
Atrás quedan as diferentes mocións presentadas, na pasada lexislatura, polo BNG e polo PSOE, nas que propoñían o incremento da partida destinada ás subvencións aos centros culturais ata 100.000 euros, e agora en mellor situación económica, cando o Partido Popular propúxolles ao goberno local que destinara unha partida de 75.000 euros para as asociacións culturais e que priorizasen as obras que restaban nas casas culturais do noso municipio, ate o de agora non acometeron ningunha das obras pendentes para rematar esta Rede Municipal de Casas Culturais.
Ao remate da pasada lexislatura, o obxectivo e prioridade do goberno do Partido Popular era terminar esta “Rede Municipal de Casas Culturais” coa contratación da 1ª fase do proxecto de reforma e ampliación da casa cultural de Arnoso, a contratación do proxecto da mellora e reforma da Casa Cultural de Couso (Guláns), a ampliación da casa cultural de San Lourenzo de Oliveira e a construción dun novo centro que satisfaga as necesidades dos veciños de Paredes; do mesmo xeito, buscar unha solución para os veciños de Pías na consecución dun novo centro, remate do auditorio do centro cultural de Ribadetea, rematar a casa cultural da Asociación de Veciños de Padróns en Serra e o remate do auditorio da Casa Cultural de Ribadetea.