O Partido Popular de Ponteareas, o pasado día 2 de decembro, solicitou a celebración dun Pleno Extraordinario que se celebrará o próximo día 28, ás 20:00h. no que incluímos catro puntos na Orde do Día de gran importancia e transcendencia para os intereses dos veciños e do concello, entre outros, pediremos a dimisión e reprobación do Alcalde e dos concelleiros implicados nos graves atentados cometidos contra o Patrimonio Cultural do Concello, porque executaron obras totalmente ilegais, sen as pertinentes autorizacións dos organismos competentes.
Así mesmo, propomos instar á Deputación Provincial de Pontevedra a que manteña a seguridade viaria das estradas provinciais que transcorren polo termo municipal, xa que en ano e medio non fixeron ningunha mellora tendente a incrementar a seguridade viaria e, en moitos casos, nin sequera desbrozaron as marxes de ditas estradas, o que levou a que o PP denunciase nos medios de comunicación o penoso e lamentable estado de conservación que presentaban estas estradas durante a tempada estival, onde a maleza invadía a zona asfaltada, pondo en perigo a peóns e vehículos.
Na Orde do Día, tamén se incluíu unha moción na que instamos ao Goberno do Sr. Represas a que convoque unha Comisión Informativa especial de Contas e Facenda, para que dea conta dos informes e das comunicacións enviadas ou recibidas no Concello referentes ao Contrato de Recollida do Lixo, Limpeza Viaria e Punto Limpo que ten adxudicado a empresa FCC; comisión que o Sr. Alcalde se negou a convocar e comprometeuse, hai xa 10 meses, a iniciar un período de negociación coa empresa e de seguido convocar dita Comisión, e dado que xa rematou o prazo, é polo que requerimos ao Alcalde para que dea as explicacións oportunas.
Por último, levamos unha moción de comparecencia do Alcalde para que nos explique as distintas contratacións e externalizacións de servizos municipais no que vai de lexislatura, posto que isto significa un maior custe para as arcas municipais pola incompetencia dun goberno que é incapaz de xestionar, con medios propios, os servizos que debe prestar, ademais dicir que cando estaban na oposición defendían a xestión directa de todos os servizos municipais, favorecendo a contratación pública en detrimento da externalización, e agora no goberno contratan a empresas amigas e servizos, onde se evidencia a proximidade familiar con algúns concelleiros do goberno local.