O PP de Ponteareas considera a actuación do Goberno respecto ó PXOM e ó Plan Parcial da Lomba como de cínica e hipócrita

 

Para o PP as últimas declaracións feitas polo goberno en referencia ao esforzo realizado no envío das alegacións do PXOM aos alegantes e a súa xustificación de non haber iniciado a contratación do plan parcial da Lomba ata a data, non son máis que mentiras descaradas que faltan á verdade e que obedecen á estratexia emprendida dende o inicio desta lexislatura por este goberno e que non é outra que culpar de todo ao anterior goberno do PP.

Dende o PP queremos recordarlle ao Sr. Represas e á Sra. Garrote que en política non se pode dicir unha cousa e despois facer outra ben distinta, buscando falsas escusas.

Para o PP parece que tanto o BNG e o PSOE non teñen memoria, porque de todos é sabido que cando estaban na oposición, condicionaban a aprobación provisional do PXOM a que se aprobase paralelamente o plan parcial da Lomba e que incluso se enviasen as alegacións aos colectivos e veciños alegantes antes de dita aprobación.

Agora, por unha banda xáctanse de que enviaron xa as alegacións froito dun esforzo inmenso que poucos gobernos do PP o fan, cando todos sabemos que foi porque non tiveron outro remedio que facelo, xa que o PP así o esixiu por respecto aos alegantes e a pesar de que agora se escusaban en que a propia lei do solo non o aconsellaba ata a aprobación definitiva, e tendo en conta ademais que as mesmas xa estaban contestadas cando o PP deixou o goberno, e que o único que tiveron que facer foron os oficios de envío de cada unha das alegacións presentadas. Este é o gran esforzo feito en 16 meses respecto ás alegacións por este goberno. Un goberno que ademais presume de que o seu maior logro foi aprobar provisionalmente o PXOM, cando parte do goberno nin sequera apoiou dita aprobación e tivo que ser, unha vez máis, o PP por responsabilidade, quen votara a favor de dita aprobación, para que esta tivese a maioría absoluta necesaria.

Por outra banda, con respecto a que a día de hoxe non se aprobara o Plan Parcial da Lomba,  agora queren xustificarse coas mesmas razóns que plantexaba o anterior goberno do PP para aprobación provisionalmente do PXOM e que non lles valeron cando estaban na oposición,  escusándose agora en que o goberno considerou prioritario centrarse na aprobación provisional, en que estaban cun novo orzamento e que a situación económica non llo permitiu.

Para o PP, a hipocrisía e cinismo deste goberno quedan máis que demostrados, e preguntámonos por que cando o goberno do PP empregaba estes mesmos argumentos, o BNG e PSOE esixían como condición irrenunciable a aprobación paralela do Plan Parcial da Lomba coa aprobación provisional, ademais de ser coñecedores da difícil situación económica do Concello, e agora se estes mesmos motivos lles valen a eles para escusarse de que non aprobaron o Plan Parcial da Lomba, a pesar de anuncialo no mes de xaneiro na prensa de que “o goberno condicionaba o plan parcial da Lomba á aprobación do presuposto” e de despois, en xullo, coa aprobación do magnífico orzamento, nada de nada, e volven a enganar aos veciños e empresarios.