Despois das últimas manifestacións realizadas polo Sr. Represas nas que acusaba ao Partido Popular da desfeita herdada, nun tema tan importante como a xestión das augas residuais, dende o PP queremos manifestar que estas declaracións obedecen, unha vez máis, á estratexia que vén seguindo este goberno tripartito durante estes 16 meses, e que non é outra que culpar de todo ao PP para escusarse das súas responsabilidades e da súa nula e pésima xestión ao fronte do Concello.
Para o PP queda patente que estamos ante un goberno que utiliza perfectamente o principio da transposición e da esaxeración, convertendo unha pequena obra de mantemento nunha grande, e cargando sobre o PP todos os seus erros e defectos, por exemplo, non son conscientes que, en moitos casos, a falta de vixilancia e mantemento de arquetas de saneamento produce entullos e malos cheiros, tamén esaxerando noticias de reparacións insignificantes para distraer ós cidadáns, todo isto para non afrontar nin falar das inexistentes obras de saneamento rural que tanto esixían cando estaban na oposición.
Dende o PP queremos dicirlle ao Sr. Represas que xa está ben de tanto cinismo e demagoxia, xa que de momento él non e quen de dar leccións de saneamento e xestión das augas residuais.
Recordarlle ao Sr. Represas que as redes principais de saneamento do casco urbano de Ponteareas teñen, algunha delas, máis de 30 ou 40 anos, realizadas cos medios e materiais existentes daquela e por suposto planificadas naquelas épocas.
Ademais, polo que se refire ós 11 anos do goberno presidido por Salvador González Solla, dicir que se a algo se lle deu prioridade, a pesar da difícil situación económica do Concello, a pesar do maltrato sufrido polo goberno bipartito da Xunta (PSOE-BNG), onde en 4 anos so financiaron unha única fase do saneamento das parroquias de Xinzo, Areas e Arnoso, e a pesar da crise económica padecida nestes últimos anos, investíronse máis de 10 millóns de euros en obras de saneamento en Ponteareas. Obras como o Saneamento de Xinzo, Areas e Arnoso, Canedo, Cachadas, Angoares, Bugarín, Prado, Padróns, Arcos, A Freixa; distintas rúas do casco de Ponteareas, nas que se levaron a cabo a separación de augas pluviais e fecais e a reposición dun dos colectores principais como foi o do Regato da Venda, entre outras.
Polo tanto, o Sr, Represas non ten de momento que dar leccións de saneamento nin de abastecemento de augas a ninguén, e menos ó actual grupo municipal do PP de Ponteareas, porque o demostramos nestes anos atrás, a pesares de ter o Concello nunha situación económica bastante peor da que se atopou este goberno tripartito, ademais o Sr. Represas, ata o de agora, non fixo nada máis que pequenas reposicións e mantementos que xa antes se facían.
Por último, dicirlle e recordarlle ao Sr. Represas que o mantemento e reposición dos servizos básicos, como o saneamento e abastecemento de augas entre outros, son competencias propias do Concello, e polo tanto son as súas responsabilidades, e que se esquezan dunha vez de facer oposición á oposición.
Pedirlles tamén que deixen de queixarse e, dunha vez por todas, continúen priorizando a gran labor realizada nos últimos 11 anos polo PP neste asunto do saneamento e abastecemento de auga, rematando e continuando coas fases xa iniciadas nas diferentes parroquias do noso Concello, e que eles mesmo tanto esixían e pedían dende a oposición, a pesar de como dicían eles “nunha situación en bancarrota total do Concello”.
Pois aínda así, segundo González Solla, os feitos están aí, o que teñen que facer agora é cumprir coas súas propias propostas electorais e xa non valen desculpas facendo pequenas reposicións e mantementos de tramos de redes, porque agora a diferenza con tempos atrás é que dispoñen de cartos, e todo grazas ás medidas incluídas no Plan de Saneamento-Económico (2014-2016) aprobado no seu día polo PP.