O PP amosa a súa satisfación pola consecución da iniciativa comunitaria EDUSI que traerá ó noso Concello inversións por mais de 6 millóns de euros

 

O Partido Popular de Ponteareas quere amosar a súa satisfacción pola consecución dos fondos da iniciativa comunitaria EDUSI e o seu agradecemento ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas pola recente resolución favorable do proxecto presentado polo noso Concello.

Dicir que a esta 1ª convocatoria do mes de xaneiro presentáronse en Galicia un total de 18 proxectos, dos cales 12 foron beneficiarios, entre os que está o do concello de Ponteareas, e os 6 restantes á espera dunha 2ª convocatoria onde se repartirán máis de 35 millóns de euros.

Esta nova iniciativa comunitaria EDUSI substitúe á coñecida e antiga iniciativa “PLAN URBAN“, destinado a concellos de máis de 300.000 habitantes e na que por vez primeira o Ministerio de Facenda negociou coa UE para dar cabida ós concellos de máis de 20.000 habitantes, así como tamén agrupacións de concellos que superen esta cantidade.

Ademais, dende o PP queremos manifestar que a concesión desta axuda non sería posible se non se acadaran tres grandes obxectivos necesarios e imprescindibles.

O primeiro, o cambio de plantexamento do propio Ministerio, negociando coa UE e dándolle outro ámbito ao antigo Plan URBAN, para vilas de máis de 300.000 habitantes, abríndose así unha nova oportunidade para os concellos de máis de 20.000 habitantes e mancomunidades ou agrupacións, de aí que puideran ser beneficiarios concellos en Galicia como Ponteareas, Redondela, Marín, Culleredo, Vilagarcía, Lalín, Estrada e Ribeira, cando en anos atrás nin sequera podían optar a estas axudas ó non superar a poboación mínima esixida.

O segundo obxectivo foi o cumprimento do artigo 3º da Orde Ministerial que regula estas axudas, en referencia a que estas só se outorgarán de conformidade co artigo 23 da Lei 38/2003 Xeral de Subvencións, na que se esixen a todos os beneficiarios os certificados positivos da Axencia Estatal da Administración Tributaria e da Tesourería Xeral da Seguridade Social, cuestión esta que o Concello de Ponteareas ven cumprindo periodicamente dende decembro de 2007. Tan só recordar que dende xaneiro de 2004, a débeda coa T.X.S.S. ascendía a máis de 11 millóns de euros, e que en maio do 2015, tan so restaba 1 millón de euros.

E o terceiro para poder optar a estas axudas é que o Concello de Ponteareas, a pesar do reiterado mensaxe do goberno actual de que está na ruína, este, a diferencia de moitos outros concellos de Galicia, está en disposición de aportar o 25% correspondente ó financiamento local do proxecto, en concreto 1.250.000 euros en varias anualidades, grazas ao cumprimento do Plan de Axuste e de Saneamento Económico-Financieiro 2014-2016 do Partido Popular, que este ano rematará con déficit cero, de aí que as cantidades previstas a aportar polo Concello ó proxecto increméntanse a partir deste ano 2016.

Polo tanto, dende o PP aínda que sabemos que este goberno tripartito nunca recoñecerá esta realidade, froito dun inmenso esforzo e sacrificio sufrido nos últimos 10 anos polo anterior goberno do PP e polos veciños, pasando dunha situación límite a outra mellor, na que hoxe si se pode aprobar este proxecto, xa que o Concello cumpre coa Lei Xeral de Subvencións e ten capacidade para cofinanciar con fondos propios calquera proxecto, cousa que anos atrás era inviable, o que vén a demostrar que por moito que minta este goberno tripartito, a situación económica foi mellorando progresivamente.

Para rematar, dende o PP esperamos que este goberno conte coa participación de todos os grupos políticos da Corporación Municipal e con todos os axentes sociais, axudando a enriquecer coas súas contribucións este proxecto que redundará en beneficio de todos os ponteareáns.