O PP forza ó Goberno para que modifique o Orzamento e faga fronte á Paga Extra 2012 dos funcionarios

 

Na sesión plenaria extraordinaria celebrada no día de onte en Ponteareas, o Goberno quedou obrigado a, dunha vez por todas, facer a modificación orzamentaria necesaria para ter os cartos suficientes para o pago da Extra de 2012 ós funcionarios.

Despois de reclamárselle dende o PP ó Alcalde e ó Concelleiro de Facenda e Persoal que no Orzamento 2016 debía ir unha partida económica “específica” para retribuír a Extra do ano 2012, e ante a constante negativa por parte do Goberno durante todos estes meses atrás, o grupo popular presentou unha Moción ó Pleno extraordinario de onte no que obrigaba a este a facelo, porque o tempo pasa e os traballadores están sen cobrar.

Tendo en conta que dende principios de ano o Estado xa autorizou a todos os Concellos para que se devolva a Paga Extra 2012, no caso de Ponteareas, despois de máis de oito meses, segue sen resolverse, sendo neste caso culpa exclusivamente do Goberno local, por non prever no orzamento, recentemente aprobado, cartos suficientes para facer fronte o pago da mesma.

A realidade é que isto podería haber estado solucionado fai meses, pero unha vez máis, o Goberno que di ser “participativo” e “estar aberto a escoitar propostas” non acepta  nada que sexa o PP o que leve a iniciativa, como foi neste caso, que dende o mes de abril, nas primeiras reunións que fixeron para a confección do orzamento, os concelleiros populares veñen recalcando ó Alcalde e o Concelleiro que era necesaria unha partida específica dentro do orzamento deste ano, obtendo como resposta sempre a negativa, primeiro porque non, despois porque dende intervención municipal aseguráballes que non era necesario, logo porque estaban á espera do informe, e así, mes tras mes, dende abril.

Por fin, onte e despois de máis dun mes, presentada a Moción por parte do PP, esta foi tratada, votada e apoiada por todos os membros da Corporación, co cal o Goberno está obrigado, de xeito urxente, a facer unha modificación no orzamento aprobado en xuño para incluír, neste caso, os cartos necesarios e para poder pagar a Extra ós traballadores.