-Carmela Silva e o seu Goberno provincial aprobaron unha norma que prexudica seriamente aos concellos con estradas provincias con menor intensidade de tráfico. A súa decisión reflectirase no deterioro paulatino das estradas provinciais, os seus efectos xa se poden comprobar na falta de roza das beirarrúas e noiros.
-Con esta norma os Concellos estarán obrigados a cofinanciar as actuacións nas estradas provinciais aportando o 30 ou 40% e terán que asumir as expropiacións.
O Partido Popular de Ponteareas levará ao Pleno da Corporación Municipal unha moción relativa á decisión que adoptou o pleno da Deputación Provincial de Pontevedra o 29 de xaneiro de 2016, no que aprobou o “decálogo de criterios de actuacións nas vías provinciais”.
Dito decálogo limita no seu articulado a posibilidade de executar actuacións ou melloras só as estradas provinciais que teñan unha intensidade media diaria de vehículos superior a 3.000 vehículos/día.
Establécese tamén a obrigatoriedade de que os Concellos cofinancien as actuacións nas estradas provincias, aportando o 30 ou o 40% do custe da actuación, en función de se estamos ante unha actuación de urbanización ou de reurbanización, e asuman os Concellos os custes das expropiacións no caso de que as houbese.
De darse o improbable suposto de que algún concello fose quen de asumir estas condicións para mellorar unha estrada provincial, a norma aprobada polo goberno da Deputación obriga ao Concello a asumir a súa titularidade.
Con isto, lonxe de conseguir mellorar as estradas provinciais, danos a impresión que a Deputación busca xustificar a parálise premeditada dos proxectos que estaban en marcha co anterior goberno, ao tempo, de eliminar a posibilidade de facer actuacións nas estradas provinciais dos concellos, escapando das súas propias competencias.
Que ademais a Deputación impoña aos Concellos, para que aporten fondos municipais para sufragar o custe do proxecto ata un 30 ou 40%, elimina a posibilidade de que a maioría dos Concellos e dos cidadáns da provincia poidan ver melloradas as estradas provincias cuxo mantemento e mellora é unha competencia propia da Deputación.
Por outra banda, as reformas introducidas pola lei 27/2013 de 27 de decembro, de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local, clarifica as competencias de cada Administración Local a fin de evitar duplicidade e, ademais, evita que unha administración exerza competencias cando legalmente non as ten atribuídas.
Que unha norma aprobada polo goberno bipartito da Deputación, condicione as actuacións nas estradas que lle son propias, a que o Concello asuma a titularidade da vía, parece que poida contradicir ou entrar en conflito coas competencias que debe asumir a Deputación de Pontevedra, de acordo a lei de Bases de Réxime Local, reformada trala aprobación da lei 27/2013 de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local.
Por todo isto o PP ven de presentar unha Moción para o próximo Pleno municipal na que por un lado se esixirá á Deputación Provincial de Pontevedra a derrogación deste “decálogo de criterios” xa que son inasumibles para os Concellos, e por outro lado, instaremos a Deputación para que manteña os asfaltados, a limpeza de cunetas, o desbroce da maleza e mellore a sinalización tanto horizontal coma vertical das estradas provinciais no termo municipal de Ponteareas e deste xeito remate co estado de abandono que sufren as estradas en Ponteareas.