A incompetencia do Goberno local fai que as zonas de baño do Tea non conten a día de hoxe con Socorristas

 

  • Existe inseguridade nas zonas de baño do Tea por non contar con socorristas, e pola falta de indicadores da calidade das augas aptas para o baño, así como pola limpeza e mantemento das praias fluviais que “non existe”.

O pasado 22 de xullo, o PP denunciaba a situación que se estaba a vivir nas zonas de baño do río Tea ao seu paso polo municipio de Ponteareas, praias que non contan co servizo de socorristas, falta de carteis indicadores da calidade das augas de baño e falta de mantemento e limpeza dos areais.

O PP pregúntase, unha vez máis, quen vai ser o responsable de se producir unha desgracia nun  dos areais fluviais? como xa ocorreu un pequeno percance nas Pías, que pola falta de mantemento das pistas que aceden ao areal, tiveron que esperar a que os bombeiros accederan ao areal cun vehículo todoterreo para trasladar ao accidentado ata a ambulancia, o que significou un retraso importante no traslado da persoa accidentada.

Os populares non entendemos como o goberno local aínda non ten persoal socorrista para as praias fluviais á altura de tempada estival na que estamos, sabendo que a competencia de vixilancia das praias fluviais é exclusiva do Concello. Dende o PP cremos que este goberno non ten claras as prioridades dun Concello, e neste caso non priorizou a contratación de persoal socorrista dentro dos 20 traballadores/as que viñeron subvencionados pola Xunta dentro do Plan Concertado e ou pola Deputación Provincial dentro do Plan Concellos.

Ademais, e xa a mediados de agosto, están sen colocar os carteis indicadores da calidade das augas para o baño das diferentes praias fluviais do Tea (Freixa 1/ 2, San Roque, Moscadeira, As Partidas…) , cuestión esta obrigatoria pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e que concretamente para a praia de San Roque, despois de rematadas as obras o pasado ano do Regato da Venda, esta praia volve a ter a cualificación de apta para o baño, despois de que durante moitos anos non o fora por mor dos vertidos de dito regato.

Por outra banda, boa parte das zonas próximas aos areais de baño están sen limpar, sendo, en moitos casos, os propios usuarios os que teñen que facer labores de limpeza e desbroce para poderen utilizar estas zonas de esparcemento tan requeridas durante os días de calor estival.

Dende o PP consideramos urxente a contratación dos socorristas para evitar accidentes e para paliar os efectos no caso de que se produzan, reponsabilizando ao Alcalde e ao Concelleiro de persoal pola súa deixadez de funcións. E reiteramos ao goberno local que priorice a limpeza, desbroce, e mellora de accesibilidade aos areais do Tea, así como dos paseos, sendeiros e áreas recreativas fluviais.