- O Goberno tripartito que no ano 2015 gastou 364.000 € máis do permitido pola Lei de Estabilidade Orzamentaria, afirma agora que a mellora no superávit das Contas é grazas o control no gasto que fixeron.
- A este Goberno non se lle coñece ningunha “nova” medida económica para poder atribuírse as melloras que teñen as contas municipais do 2015.
Nestes días, nos medios de comunicación, o Goberno ponteareán publicitou o peche das Contas do ano 2015 e a celebración da Comisión Informativa especial de Contas, na que segundo o Sr Alcalde “déuselle o visto bo ó documento”, aínda que non se acordou de mencionar que este “visto bo” é tan só do BNG e do PSOE, porque o resto dos membros non votaron a favor, dado que nin o Alcalde nin o Concelleiro de facenda, deron explicacións a ningunha das cuestións propostas polos concelleiros presentes, o que puxo de manifesto o “absoluto descoñecemento” que teñen ambos da información.
Nestas contas do ano 2015, o Goberno tripartito “faise eco” dos bos datos que presentan, sostendo que son grazas á súa xestión e control, cando o certo é que se esqueceron dicir que con eles ó fronte do goberno, o Concello de Ponteareas incumpriu por primeira vez dende o ano 2012 coa Regra de Gasto e coa Lei de Estabilidade Orzamentaria, en máis de 364.000 euros, polo que quedou totalmente descartado que a mellora nas Contas do ano 2015 sexa polo maior control no gasto, como afirmaba o Sr Represas.
A realidade, é que o Concello dende a aprobación no Pleno Municipal do Plan de Axuste e do Plan de Saneamento 2014-16, comezou a ter resultados favorables en cada un dos exercicios que se foron pechando, e isto é o que continuou sucedendo no ano 2015 e debería continuar no ano 2016, xa que as medidas aplicadas polo goberno popular na lexislatura pasada “están dando o seu froito” e máis cando ata a data, non se coñece ningunha medida económica aplicada por este Goberno BNG-PSOE-ART, xa que na actualidade continúan a aplicar as mesmas medidas que lles deixou aprobadas o PP, e que curiosamente, naqueles anos atrás votaron en contra.
Polo tanto, afirma a exconcelleira de facenda, Belén Villar, se hai superávit nas Contas do ano 2015 e tamén unha mellora no Remanente de Tesourería e en consecuencia unha redución das obrigas que ten pendentes o noso Concello, e tendo en conta que non se lle coñece a este Goberno ningunha nova medida económica dende que están gobernando, e que en vez de reducir o gasto, o que fixeron foi gastar máis do permitido, “todas estas melloras son grazas á posta en marcha, na lexislatura pasada, das medidas que estaban recollidas no Plan de Saneamento 2014-16 aprobado”.