- O Goberno penaliza ós usuarios da Escola de música con subidas nas taxas de máis do 250% para o curso 2016-17.
- Reducen as horas de aprendizaxe dos alumnos en máis da metade con respecto ó curso pasado, co cal reducen a calidade do ensino na Escola de música.
O martes día 16 de xullo, celebrouse o Pleno ordinario mensual no Concello de Ponteareas, e entre os asuntos que o alcalde propuxo, aprobaron entre BNG, PSOE, ART e IU a modificación da Ordenanza correspondente á Escola de Música municipal, incrementando os prezos dos servizos que a partir do curso 2016-17 van pagar os usuarios.
E así, por exemplo, un rapaz de 6 anos, que ata agora recibía 2,5 horas de clase á semana, pagaba 30,35 eu/mes, agora recibirá tan só 1 hora á semana, e a cota increméntaselle un 5%. Ou un rapaz de 12 anos, que ata agora impartíanlle 3,5 horas de clase á semana e pagaba 30,35 eu/mes, agora impartiranlle, polo mesmo prezo, tan só 1 hora a semana, co cal incrementan o prezo un 250%.
Os usuarios da Escola de música vanse ver penalizados con taxas máis elevadas, que o Goberno trata de disfrazar reducindo as horas de formación ós alumnos.
Aumentan os custes do Centro e o seu déficit nun 18%, e parte desta subida orixínase porque reducen en 10 horas a xornada de traballo dos profesores do Centro e seguen pagándolles o mesmo salario, co cal amais do gasto é un agravio comparativo co resto dos traballadores municipais.
Por outra banda, estamos ante un Goberno que vai “privatizar” parte do servizo que se presta no Centro, para o cal eliminan o acceso ós cativos de 4 e 5 anos, e danllo a unha empresa privada, sen contrato co Concello, sen licitación e que na actualidade xa está sendo promocionada no propio centro municipal, que utiliza as instalacións municipais, o persoal municipal e o material do centro, todo elo pagado con fondos públicos e para beneficio dunha empresa privada.
Estamos ante un Goberno que en vez de fomentar o coñecemento e a apreciación da música iniciando ós nenos na súa aprendizaxe, e desenvolver unha oferta o máis ampla posible e diversificada da educación musical, fan todo o contrario, eliminan o acceso ós nenos de 4 e 5 anos, reducen as horas de aprendizaxe dos alumnos, reducen a actividade lectiva dos profesores en 10 horas, reducen tamén as horas de apertura do Centro e finalmente incrementan os prezos para os usuarios.