A proposta do Goberno de aprobación definitiva do Orzamento 2016 quedou rexeitada

  • O documento de Orzamento 2016 continúa a ter informes técnicos desfavorables e todos os concelleiros da oposición, na Comisión Informativa, votaron a súa retirada ata que o documento sexa legal.

O xoves pasado, día 23 de xuño, celebrouse na Casa do Concello unha Comisión Informativa Especial de Contas na que o Goberno incluiu como punto a tratar a “aprobación definitiva do Orzamento 2016”, a pesares dos diferentes reparos suspensivos que os técnicos municipais fan nos informes que emitiron e a pesares das advertencias que o grupo popular ven facendo dende o primeiro momento que levaron o asunto ao Pleno no mes de maio, que fan referencia as irregularidades e ilegalidades que supón continuar adiante co expediente do Orzamento sen resolver os reparos que aparecen nos diferentes informes, tanto do Interventor municipal como da Secretaria municipal.

O Goberno local a pesares de non contar cos informes técnicos favorables, pretendía continuar co trámite de aprobación do Orzamento 2016, e desestimar todas as alegacións que se presentaron ao documento, o que demostra unha vez mais o que o PP ven denunciando dende fai meses, que o Alcalde tramita expedientes sen ningún tipo de rigor, ocultando informes, impedindo que os técnicos informen sobre cuestións que sí o deben facer, e non facendo caso as advertencias de ilegalidade da Secretaria e do Interventor, co cal non ofrece ningunha garantía ao resto dos membros da Corporación municipal de que os asuntos que nos propón para votar no Pleno son legais.

Neste caso, na Comisión Informativa, a pesares de que o Goberno non estaba de acordo en retirar o asunto do Orzamento 2016 da Orde do día e votou en contra, a maioría dos membros da Comisión votaron a súa retirada e non levalo ao Pleno da próxima semana, co cal o Goberno debe completar a documentación que falta e facer os cambios que sexan precisos no documento para que os novos  informes técnicos sexan favorables.