O Grupo Municipal do Partido Popular de Ponteareas denuncia publicamente o total estado de abandono que presentan os xardíns do Centro Médico de Ponteareas.
Estando a piques de entrar na tempada estival e pasado xa o Corpus Christi, parece mentira que un entorno tan frecuentado pola cidadanía presente un estado lamentable con herbas e silvas sen desbrozar, onde as beirarrúas están invadidas pola vexetación impedindo a circulación dos peóns.
Dende o Partido Popular non se entende por que o señor Represas como Alcalde e concelleiro de Medio Ambiente non leva a cabo o periódico mantemento destas zonas axardinadas, sabendo que aínda non hai moito tempo contrataron a varias persoas para levar a cabo distintas funcións municipais, ao noso parecer, ese era o momento idóneo para que se contratara o persoal necesario para realizar os desbroces e mantementos dos distintos parques e xardíns de competencia municipal e, ao mesmo tempo, colaborar cos colectivos parroquiais no desbroce e limpeza de distintas áreas públicas das parroquias do concello.
O Partido Popular responsabiliza ao alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Represas, desta lamentable situación e aconséllalle que asuma as súas competencias e que priorice unha xestión tan básica e fundamental como esta.