Dende hai anos, o Concello de Ponteareas vén contribuíndo cunha axuda económica a todos os tramos alfombristas do Corpus Christi ponteareán para axudar a paliar modestamente os numerosos gastos que entrañan a confección das internacionais alfombras florais de Ponteareas.
Neste ano 2016, o Concello de Ponteareas vai a recibir a maior axuda económica da historia por parte da Xunta de Galicia, destinados a sufragar os gastos da festa do Corpus Christi, xa que Turismo de Galicia apoiará o evento cunha axuda de 40.000 euros, cantidade a que hai que sumar os 15.000 euros procedentes do convenio de colaboración asinado entre a Xunta de Galicia e a Fundación ABANCA.
Nunhas recentes declaracións aos medios de comunicación, o sr. Alcalde afirma que seguirá “subvencionando os seus gastos, na liña do que se viña facendo nestes últimos anos”. Dende o Partido Popular cremos que estas manifestacións poñen en evidencia a pouca vergoña e impasibilidade do sr. Alcalde por intentar xustificar desa maneira a súa intención de non incrementar a axuda económica aos alfombristas de Ponteareas, neste ano que, aínda por riba, a festa do Corpus Christi cae moi baixo no calendario, polo que se presume que haberá moita escaseza de flor, tendo que os alfombristas mercar sobre todo caravel, para que as alfombras florais de Ponteareas poidan lucir acorde co recoñecemento que o Corpus Christi de Ponteareas ten a nivel internacional.
Por todos estes motivos, o Partido Popular de Ponteareas pídelle ao goberno municipal a que aumente a axuda que se concede ás distintas asociacións e tramos que confeccionan as alfombras florais durante a noite do sábado de Corpus Christi, xa que este ano entre os 55.000 euros de subvencións da Xunta e máis a subvención procedente da Deputación Provincial, o Concello está en disposición de poder incrementar as axudas aos alfombristas, tendo en conta que cando estaban na oposición, sobre todo o hoxe Alcalde, Xosé Represas, esixía reiteradamente ao goberno do Partido Popular que incrementara a contía desta partida.
Ademais, este ano, a concelleira nacionalista, responsable de Cultura, Hortensia Bautista, negouse a continuar coa Escola de Alfombristas, creada polo anterior goberno do PP e que tan bo resultado deu durante os sete anos que estivo funcionando, servindo de vehículo integrador de moitos cativos e non tan cativos alleos a esta tradición secular, moitos deles procedentes doutras localidades españolas e incluso de distintos países suramericanos.