O Goberno vota en contra de incluir na ordenanza de Emerxencia Social axudas para os recibos do IBI

  • O PP propuxo ó Pleno incluír na ordenanza de emerxencia social axudas para os recibos do IBI e o Goberno votou en contra, e obrigou ao concelleiro de Servizos Sociais, Manuel Troncoso, a cambiar o seu voto.
  • A modificación da ordenanza de Emerxencia Social non era o máis prioritario, de feito só cambia nun tipo de axuda. A prioridade era ter cartos na partida para poder atender as demandas daquelas familias que o necesitan e que a día de hoxe o Concello non pode atender porque non ten diñeiro.

Ante as manifestacións feitas polo Goberno e polo Concelleiro de Servizos Sociais, Manuel Troncoso nestes días acerca da modificación da Ordenanza Municipal Reguladora das Axudas de Emerxencia Social, cun “novo contido” e “moitas melloras” que ata agora estaban excluídas, o PP sae ao paso para aclarar que a única nova axuda que agora se contempla para as familias máis desfavorecidas do noso municipio é a relativa aos “Vales de alimentos perecedoiros”, porque todos os restantes tipos de axudas xa existían.

A ordenanza que fora aprobada no ano 2014, xa contemplaba as axudas nos gastos relativos a vivenda habitual, como a luz, a auga, o aluguer, as reparacións, …, tamén incluía os gastos sanitarios e posibles tratamentos excluídos da sanidade pública, os comedores escolares e gastos polivalentes. Do mesmo xeito que tamén, dende fai anos, se lles suministra ás familias alimentos a través do Banco de Alimentos municipal.

Co cal, as melloras das que se enorgullece o Sr. Troncoso, son máis ben poucas, e sobre todo se temos en conta que a relativa aos Vales de compra para alimentos perecedoiros, non empeza a funcionar coa aprobación da ordenanza senón que require dun proceso de concurso público, cunhas bases que de momento non existen, que deben ser informadas polos técnicos, e que posteriormente ten un proceso de adxudicación. Co cal hoxe por hoxe, esta medida non pode ser vendida como un éxito porque de momento non vai funcionar.

E por outro lado, o que trata de por en valor o Sr Troncoso que é a mellora económica que se lle vai facer á axuda de emerxencia social, realmente non é tal, porque a día de hoxe o trámite das Axudas de emerxencia que entran no Concello non están sendo atendidas porque non hai cartos, e o que lles queda a este Goberno é levar unha modificación presupostaria, tal e como o grupo popular no mes de febreiro plantexou e levou ao Pleno para incrementar a partida ata 120.000€, pero que o Goberno xunto con EU votaron en contra. E outra das maneiras para ter cartos sería reducir calquer outra das partidas de Servizos Sociais para aumentar esta, cousa que entendemos non se fará pois vai en contra da mellora que pregoa o Goberno no ámbito social.

Do mesmo xeito que os concelleiros do PP, nun afán de mellorar a ordenanza e tamén porque é unha demanda social, propuxemos a inclusión dunha axuda para o pago dos recibos do IBI, medida que aínda que aceptada polo Sr Troncoso, foi rexeitada polo alcalde, o Sr Represas, que “manipula” aos concelleiros tanto os socialistas como ao de ART, e neste caso obrigou ao concelleiro da ART (A Riada do Tea) a votar en contra da axuda, a pesares de que el, Manuel Troncoso, xa manifestara o seu apoio a esta medida do IBI.

Dende fai meses o PP ven solicitando que no ámbito social, o gasto para a Emerxencia Social, o Banco de Alimentos e os Comedores Escolares, se incremente ata os 170.000 euros, e incluso se lle propuxo ao Goberno de qué partidas podía sacar o importe. Pero sempre nos topamos coa negativa e coa desculpa de que “non hai cartos”, cando a realidade é que este Goberno está a gastar nunha Asesoría externa administrativa preto de 30.000€ e acaba de aprobar unha nova praza de Inspector de Policía cun gasto de 50.000€.