O grupo municipal do PP de Ponteareas alégrase de que a Consellería de Educación implante dous grupos de Bacharelato no IES Ponteareas

 

O Partido Popular de Ponteareas alégrase de que a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria confirmara que o IES Ponteareas contará o próximo curso 2016-2017 con dous grupos de bacharelato.

O Grupo Municipal do Partido Popular de Ponteareas trasladara á Consellería de Educación a necesidade implantar dous grupos de bacharelato no IES Ponteareas, dada a previsión de incremento do alumnado para os vindeiros cursos e co fin de evitar a masificación que puidera producirse nos IES Val do Tea e Pedra da Auga.

No Concello de Ponteareas hai un CRA con 8 aulas;  dous centros de infantil e primaria en dúas Parroquias e tres centros de infantil e primaria na vila.  Ademais, dous CPR´s  que imparten ensinanzas desde infantil a 4º curso da ESO.

Dos tres IES, o Val do Tea e o Pedra da Auga, teñen Bacharelato e o IES Ponteareas imparte a ESO e un ciclo de FP Básica.

No curso actual, o IES Val do Tea ten 4 grupos de 1º de Bacharelato e 3 grupos de 2º.

O IES Pedra da Auga ten 2 grupos de 1º de Bacharelato e 3 de 2º. Isto supón un incremento de grupos de alumnos de Bacharelato respecto de anos anteriores e polo número de alumnos que na actualidade realizan os estudos de E.S.O nos distintos centros as previsións indican que, durante algún tempo, poden ser necesarios este mesmo número de  grupos de bacharelato ou aínda algún máis.

O amplo abano de oferta educativa destes dous centros e a necesidade de dispor de espazos diferentes ás propias aulas para ofrecer un ensino de calidade, fai que tomaran a decisión de diversificar  ao alumnado que cursa estudos de Bacharelato entre os tres Institutos cos que conta o Concello de Ponteareas.

Sinalar tamén que o alumnado do CPI de Mondariz realiza o Bacharelato nos institutos de Ponteareas.

Reiteran desde a Consellería que na actualidade os dous institutos que imparten Bacharelato NON ESTÁN MASIFICADOS, a ratio se mantén en todos os grupos segundo a normativa -33 alumnos por aula-, pero non dispoñen de aulas libres para acoller novos grupos.

O IES de Ponteareas é un centro relativamente novo,  que conta coas instalacións propias dos centros construídos na ultima década e que dispón de espazos suficientes para poder impartir as ensinanzas de Bacharelato en condicións idóneas: dispón de aulas grandes, necesarias para os 33 alumnos que como máximo pode haber nos grupos de bacharelato; os laboratorios  e aulas de tecnoloxía e plástica dotadas do material necesario para impartir as materias do bacharelato que requiren estas condicións .

Din os populares de Ponteareas que “Para as familias e o propio alumnado do centro é unha boa oportunidade o feito de non ter que desprazarse a outro centro distinto para continuar os estudos de Bacharelato”. Neste sentido, tanto as familias  e o alumnado, como o profesorado do centro acollen esta iniciativa con especial ledicia. Ademais, aseguran que a proposta conta co apoio de toda a comunidade educativa.