Para continuar coas inversións iniciadas coa finalidade de cubrir as moitas necesidades e prioridades de inversión que ten este concello de Ponteareas en infraestruturas e servizos básicos, como por exemplo, seguir cos saneamentos postos en marcha en anteriores lexislaturas, así como pavimentacións de diversos viais municipais, dotacións e equipamentos varios e, unha vez que a Deputación Provincial de Pontevedra fixo público o Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal para o Exercicio 2016 (Plan de Concellos), publicado no BOP o 2 de decembro de 2015, ao concello de Ponteareas correspondeulle unha cantidade de 1.111.728,68 euros para este ano, polo que o PP leva ao vindeiro Pleno Municipal que se celebrará o próximo martes día 19 de xaneiro, unha proposta para o seu debate e aprobación, cunha listaxe de obras a incluír no plan da Deputación, moitas delas xa iniciadas durante os mandatos do Partido Popular en anteriores lexislaturas, entre outras sinalan as seguintes obras:
Un bloque de saneamentos que continúen cos xa iniciados: V FASE DE SANEAMENTO DA PARROQUIA DE BUGARÍN, II FASE DE SANEAMENTO DA PARROQUIA DE ARCOS, IV FASE DE SANEAMENTO DA PARROQUIA DE PRADO, I FASE DO SANEAMENTO DA PARROQUIA DE PÍAS, II FASE DO SANEAMENTO DA PARROQUIA DE PADRÓNS e REMATE DO SANEAMENTO DA PARROQUIA DE ANGOARES.
Por outra banda, completar o abastecemento que quedou pendente da lexislatura pasada e que fora aprobado por unanimidade da Corporación Municipal, no pleno de marzo de 2015, do NOVO ABASTECEMENTO DE AUGA AO BARRIO DE RIBEIRA RÍO TEA, MOREIRA con 47.700,57 euros.
Co fin de continuar coas humanizacións e melloras dos viais do concello, proponse a HUMANIZACIÓN DA ESTRADA DE SAN VICENTE – CANEDO, na que se inclúa cando menos a reposición de firme e construción de beirarrúas, a HUMANIZACIÓN DA RÚA PASEO MATUTINO e que foi retirada polo actual goberno municipal, tamén a HUMANIZACIÓN DA ESTRADA DO CEMITERIO MUNICIPAL DE PONTEAREAS, sito no alto da gloria, na que se inclúa un novo saneamento e beirarrúas; así como tamén o ASFALTADO DA ESTRADA DE CILLARGA (Cruce Mixto ata a canteira de Ribadetea).
No que atinxe ao compromiso do Partido Popular coa rede de casas culturais do concello de Ponteareas, proponse o REMATE DA CASA CULTURAL DE RIBADETEA CO ACONDICIONAMENTO DO AUDITORIO, a Iª FASE DA CONSTRUCIÓN DA CASA CULTURAL DE ARNOSO, tamén a MELLORA DA CUBERTA DA CASA CULTURAL DE PADRÓNS, do mesmo xeito a CONSTRUCIÓN DO PAVILLÓN NO TERREO DA COMUNIDADE DE MONTES DE XINZO. Por último, continuando coa mellora das escolas unitarias iniciada na etapa de goberno do PP como é o CAMBIO DE CUBERTA DAS ESCOLAS UNITARIAS DE AREAS E GANADE.
Todas estas obras foron solicitadas e requiridas por distintos colectivos parroquiais e asociacións de veciños. Salvador González Solla destaca que “todas estas obras son prioritarias e necesarias para a modernización do noso concello”.