O PP esixe ao goberno que antes de levar o PXOM ao Pleno envíe a todos os veciños e colectivos as contestacións das súas alegacións

Ante as últimas declaracións realizadas aos medios de comunicación polo Sr. Represas sobre a actual situación do PXOM, nas que afirmaba que o Partido Popular votaría a favor do Plan Xeral por ser, en boa medida, responsable do mesmo, coas novas modificacións propostas polo actual goberno. O PP ven de presentar un escrito, vía rexistro municipal, dirixido ao alcalde no que quere deixar claro que só apoiará e dará o seu voto favorable ao documento de Aprobación Provisional do PXOM, sempre e cando se cumpran unha serie de requisitos imprescindibles e irrenunciables asumidos con anterioridade.

En primeiro lugar, que por parte do goberno (BNG, PSOE e Riada do Tea) se entregue aos grupos da corporación municipal todas as modificacións introducidas polo actual goberno no documento de Aprobación Provisional (documento que foi entregado a todos os grupos políticos en abril de 2015 polo anterior goberno do PP), acompañándoos das fichas e planos correspondentes, así como dos informes técnicos e xurídicos favorables para estes cambios.

En segundo lugar, o PP esixe que, dunha vez por todas, o goberno tripartito manifeste publicamente se o documento que se pretende aprobar no pleno é practicamente o elaborado polo anterior goberno do PP, coa colaboración e participación de colectivos e grupos políticos ou, se polo contrario, o documento que pretenden que se aprobe cambia moito da proposta inicial do PP.

Tamén, o PP quere que se informe publicamente á cidadanía si as modificacións introducidas polo goberno tripartito supoñen cambios relevantes ou significativos no documento, xa que de ser así necesitaría unha nova exposición pública e, por suposto, volver a enviar o documento a todos os organismos sectoriais para que emitan novos informes.

E finalmente, o PP recórdalle ao BNG e ao PSOE que ao igual que no seu dia esixían ao goberno que tiña que remitir as contestacións das máis de 3.000 alegacións aos colectivos e veciños, amparándose nun exercicio de participación e de transparencia, antes de lévalo ao pleno para súa aprobación; hoxe é o PP quen o esixe, pois daquela adquiriu este compromiso cos colectivos e coas forzas políticas, e polo tanto, é unha condición irrenunciable do grupo popular para que o PXOM conte co seu voto favorable que se contesten individualmente e de maneira urxente, antes da celebración do pleno, todas as alegacións presentadas.

Para o PP non vale agora ampararse na lei, como recentemente anunciou o goberno, nin tampouco escudarse nun informe da oficina técnica municipal, xa que tamén cando a Lei do Solo establecía un prazo de 2 meses para á exposición pública do PXOM na aprobación inicial, á solicitude da oposición, finalmente se incrementou a 3 meses.

Polo tanto, o grupo municipal do PP entende que despois de 7 meses dándolle voltas a un documento que estaba listo no mes de maio, ou ben o documento ten cambios sustanciais ou ben o goberno estivo perdendo o tempo, polo tanto que non se escuden agora en falta de tempo para cumprir con estes requisitos que consideramos imprescindibles para apoiar e votar a favor da aprobación provisional do PXOM.