O pasado 29 de outubro dende a Dirección Xeral de Administración Local foille comunicado ao Alcalde do Concello de Ponteareas cal é a correcta tramitación dunha Conta Xeral.
Esta comunicación xurde da reclamación e denuncia feita polos concelleiros do PP de Ponteareas, sobre a convocatoria irregular da Comisión de Contas que fixo o sr. Represas, dentro do trámite da Conta do ano 2014 e que impediu o estudo e análise dos datos da mesma polos diferentes membros dos grupos políticos que forman parte de dita Comisión, vulnerando os seus dereitos á participación política.
Salvador González Solla, manifesta que non só defendía os intereses do seu grupo, senón os dos restantes grupos políticos da Corporación Municipal que descoñecían totalmente os datos económicos da conta, como foi o caso da denuncia interposta por un dos grupos da oposición.
Dende o primeiro momento, o PP manifestou estar a favor das contas que se aprobaban pero en total desacordo co trámite irregular levado a cabo polo alcalde.
Aínda que as explicacións do Alcalde de que a celebración da Comisión de Contas era urxente, a Dirección Xeral de Administración Local conclúe no mesmo sentido que o manifestado polos concelleiros do PP, e indícalle ao actual goberno que esa urxencia non ampara a posibilidade de incumprir a lexislación vixente.
Segundo manifesta o portavoz do PP, a realidade de todo isto é que o goberno local esqueceuse de presentar as contas en prazo e finalmente saltouse os prazos establecidos, consecuentemente levou a cabo un trámite totalmente irregular e que este grupo non vai volver consentir.