O PP mostra a súa satisfacción polo remate das obras no centro cultural de Ribadetea

Unha vez máis, o Partido Popular de Ponteareas móstrase moi satisfeito polo remate das obras no centro cultural de Ribadetea, no módulo de biblioteca-cafetería, quedando unicamente pendentes as obras de remate da zona do auditorio.

Ao longo destes últimos anos, foron varias as fases das obras levadas a cabo neste centro cultural polo anterior goberno do PP. Agora, co remate das obras desta ultima fase a inversión total realizada neste centro supera os 480.000 euros.

Estas obras, recentemente rematadas, foron proxectadas e tramitadas tamén polo goberno anterior do Partido Popular durante o mes de marzo de 2015 e incluídas dentro do Plan de Investimentos da Deputación Provincial, cun orzamento aproximado de 68.000 euros.

Ademais, estas obras, agora rematadas, xunto coas tamén aprobadas na mesmas data e a punto tamén de rematar no Centro Cultural de Arcos, demostran a aposta decidida e comprometida do anterior goberno popular na dotación a todas as parroquias de centros culturais, co fin de completar a xa constituída Rede de Centros Culturais do Concello de Ponteareas.

Segundo o portavoz do PP, Salvador González Solla, nestes últimos oito anos, investíronse máis de seis millóns de euros en construción, mellora e ampliacións de novas e existentes instalacións socio-culturais, como foron, entre outras, a remodelación Integral do Auditorio Reveriano Soutullo, Centros Culturais como o de San Mateo, Santiago de Oliveira, Cumiar, Bugarín, Prado, Fozara, Arcos, Ribadetea…

Ademais, nestes últimos anos, o goberno do PP, co fin de que estes centros tivesen actividade e foran un importante punto de encontro dos veciños e veciñas de cada parroquia, puxo en marcha un Plan Formativo e un Plan Cultural cun orzamento anual de 24.000 euros, permitindo así que os veciños das diferentes parroquias puideran realizar actividades formativas coa impartición de distintos cursos, así como tamén poder servir de local de ensaio das agrupacións musicais e doutros xéneros, e ao mesmo tempo ter un lugar para poder disfrutar das actuacións e fomentar a interrelación cultural da Rede de Casas Culturais de Ponteareas.

Tamén, para colaborar coas dierectivas dos centros culturais no mantemento e funcionamento dos mesmos, co fin de facer máis doado o dia a dia, o Goberno do PP puxo en marcha, nos últimos anos, un Plan de axudas cun importe anual de 40.000 euros.

Todo isto, para o Partido Popular, demostra unha seria e decidida aposta pola cultura no rural, e quere deixar claro, unha vez máis, que o remate das obras do centro cultural de Ribadetea, xunto con outros aprobados e tramitados no final da pasada lexislatura, non eran nin fume nin propaganda electoral, tal e como manifestaban daquela, en campaña electoral o PSOE e BNG, se non que, como se comproba agora, estes proxectos son e serán unha realidade en pouco tempo, xa que todos foron froito dunha rigorosa planificación e, o máis importante, que todos contaron co financiamento necesario para a súa execución, ben con fondos da Xunta de Galicia, ou ben con fondos da Deputación Provincial de Pontevedra, dentro dos Plans de Obras 2014-2015.

Para rematar, o portavoz do PP quere aproveitar para pedirlle ao goberno municipal que ademais de que nos orzamentos do ano 2016 se manteñan como mínimo as partidas económicas necesarias para seguir contando co Plan Cultural, co Plan Formativo e co Plan de Axudas á Rede de centros culturais, continúen tamén investindo, ao igual que o fixo o goberno do PP, no remate das obras que restan neste centro cultural de Ribadetea, en concreto do módulo do Auditorio, así como tamén na construción do resto de centros que faltan.