O PP esixe ao goberno que continúe coa revisión de prezos do contrato de recollida de lixo, xa que o Concello está a pagar 126.000 euros a máis do que debería

– O PP esíxelle ó Alcalde que urxentemente leve ao Pleno a proposta coa que se reduce o prezo que se paga pola recollida de lixo.

Ó Partido Popular sorpréndenlle as declaracións feitas polo Goberno nos medios de comunicación acerca da revisión de prezos que segundo o contrato o Concello debe aplicar á empresa concesionaria de recollida de lixo, nas que o Goberno Municipal, unha vez máis, as utiliza de xustificación e desculpa para non levar este acordo ao Pleno como debería facelo.

Ante a afirmación do Concelleiro de Facenda, de que mentres o xulgado non resolva a reclamación interposta pola empresa concesionaria o goberno non pode executar os acordos aprobados no Pleno, o Portavoz do PP di que isto é totalmente falso, xa que calquer empresa, particular ou incluso calquer grupo político, que non esté dacordo cos asuntos aprobados polo Pleno Municipal, o camiño a seguir para reclamar é a interposición dun recurso contencioso-administrativo nos xulgados, pero isto non quere dicir para nada, que se teña que paralizar este asunto e, moito menos, que o Alcalde deixe de executar os acordos aprobados polo Pleno.

Para o PP, o Goberno ten a obriga de executar todos os acordos plenarios, que como este, aprobado no pleno de decembro de 2014, coa maioría da corporación, incluído o propio BNG, acordouse aplicar a revisión de prezos á empresa concesionaria FCC, en base ó informe do Consello Consultivo de Galicia.

A este respecto, o grupo popular non entende a postura do actual goberno, que vota a favor dun trámite de acordo e agora, 10 meses despois, retrasa a súa adopción, e máis cando, o Concello está a pagar por un servizo 1.037.000 euros, cando o que debería pagar sería 911.000 euros, é dicir, paga a máis un importe de 126.000 euros ó ano.

Por outra banda, unha vez adoptado este acordo definitivo que o PP lle está esixindo ao Alcalde que leve ó Pleno, a empresa concesionaria deberá devolver a este Concello máis de 800.000 euros. Cuestión na que debería estar traballando e axilizando o Concelleiro de Facenda, pois son cartos que se están deixando de ingresar nas arcas municipais, o que se traduciría en máis liquidez para poder pagar en menor prazo ás empresas e aos provedores do Concello.

Estes son realmente os motivos polos que o PP reclama a xestión deste expediente de maneira urxente e prioritaria, porque despois de catro meses de goberno tripartito, un tema de tanta importancia sobre todo económica, segue sen resolverse.

Por suposto, que non lles xere dubida a ninguén, que as xestións realizadas para levar a cabo este expediente foron complexas e supuxeron moitos meses de traballo, afirma o concelleiro do PP, porque entre outras cousas houbo que modificar a interpretación que se facía dunha parte do contrato asinado no ano 2006 para a recollida de lixo, limpeza e xestión do punto limpo. Contrato que por certo, foi aprobado e adxudicado polo Pleno municipal cos votos a favor do BNG, PSOE e PP.

Por último, Solla pídelle ao Concelleiro de Facenda que se poña a rematar a tramitación deste expediente de revisión de prezos e logo, se quere, se preocupe doutros acordos adoptados polo Pleno municipal fai dúas lexislaturas, xa que os trámites son diferentes. E si o Goberno considera, continúa Solla, de que deben revocar eses acordos dos anos 2008 e 2010 que o faga, pero primeiro que resolva este expediente que ten enriba da mesa. Expediente, por certo, que conta cos informes favorables necesarios, e que permitirá deixar de pagar á concesionaria FCC 126.000 euros ó ano que este Concello está a desembolsar e que non debería, co cal o Goberno local está malgastando os cartos de todos os veciños/as do noso municipio.