O Partido Popular de Ponteareas recórdalle ao Sr. Represas que a idea de converter o monte da Picaraña nun gran parque forestal é unha proposta do PXOM aprobado inicialmente na anterior lexislatura

Para o Partido Popular, o recente anuncio do Sr. Represas nos medios de comunicación sobre o inicio dos primeiros pasos para converter o Monte da Picaraña nun Gran Parque Forestal obedece, unha vez máis, a unha descarada actitude de apropiarse e vender como propias, propostas que xa foron aprobadas na anterior lexislatura.

Dende o PP recórdanlle ao Alcalde que a idea de converter o Monte da Picaraña nun Gran Parque Forestal xa aparece recollido no documento de aprobación inicial do PXOM , aprobado no ano 2013.

Así, no PXOM no referente ás reservas ambientais do municipio de Ponteareas en continuidade con espazos protexidos da paisaxe, A Picaraña constitúese como o Gran Parque Forestal da Vila nas parroquias de Arcos, Bugarín, San Lourenzo e Ponteareas.

Tamén o PXOM propón unha serie de itinerarios ambientais peonís lineais, en conexión co casco urbano que permiten o acceso a este Parque Forestal da Picaraña e posteriormente continuando este itinerario forestal ata o Castro de Troña.

Este Parque Forestal xunto co de San Cibrán aparecen integrados como areas asumidas na memoria do PXOM configurando zonas de relación, espallamento e lecer no medio natural.

Ademais, o PXOM non vincula a súa obtención ao dominio público xa que a gran parte do Parque Forestal pertence ás Comunidades de Montes de ditas parroquias e na actualidade xa é manifesto o uso público do mesmo.

Recórdalle o PP que si o Sr. Represas quixera ser máis ambicioso, na anterior lexislatura estívose a traballar nun proxecto aínda máis amplo titulado: Parque Forestal Monte Landín “Senda milenaria”, proxecto de índole supramunicipal que abranguería aos concellos de Ponteareas, Mondariz e Mondariz Balneario no que estiveron traballando tres bolseiros da Deputación Provincial durante un ano.

Para rematar, dende o PP nos alegramos de que o Sr. Represas inicie xa os contactos coas respectivas Comunidades de Montes propietarias dos terreos para traballar nun futuro Plan Director como o anteriormente aprobado para o entorno do Castro de Troña, pero o que non ten que demorar máis o Sr. Alcalde é a aprobación provisional do PXOM, xa que este documento contén entre outras cuestións a proposta da clasificación de A Picaraña como o Gran Parque Forestal da Vila.