No pleno celebrado o pasado día 15, o goberno municipal, despois dun debate intenso sobre a modificación fiscal de terrazas na vía pública, na que, entre outras cousas, o PP acusaba ao goberno de non acadar un consenso cos distintos grupos da Corporación Municipal e cos hostaleiros, á petición do PP, o goberno retirou o asunto da orde do día.
O Portavoz do PP, Salvador González Solla, recordoulle ao novo Concelleiro de Comercio, que na pasada lexislatura, o goberno do PP modificara varias ordenanzas, entre elas, a das terrazas, venda ambulante…, sempre promovendo a participación de todos para acadar un maior consenso entre as partes.
O PP acusaba ao Concelleiro de Comercio de que agora que están no goberno practican todo o contrario de cando estaban na oposición, moita demagoxia, moita propaganda e pouco ou nada de consenso.
Tamén salientou o portavoz do PP que o que estaba acontecendo nestes últimos meses era moi preocupante, tanto para esta Corporación como para os propios hostaleiros, xa que segundo as manifestacións do Concelleiro na prensa, Ponteareas parecía unha cidade sen lei e que todos los hostaleiros son uns infractores.
Salvador González Solla, criticou ao Concelleiro de que despois das reunións mantidas cos hostaleiros foi incapaz de chegar a ningún acordo con eles e o único que fixo foi crear un problema onde non había.
Para o portavoz do PP, as ordenanzas por suposto que están para cumprirse, pero tamén é certo que dende o goberno debe existir certa flexibilidade con certas cuestións concretas, como horarios de verán, número de mesas, e por suposto, ningunha flexibilidade con quen non paga.
Salvador González Solla apuntaba que a modificación da ordenanza fiscal proposta polo Concelleiro de Comercio, non ía solucionar o problema principal dos hostaleiros, porque o problema non está na modificación da cota tributaria do inverno ou do verán, xa que maioría das terrazas cando verdadeiramente funcionan é na tempada estival.
O que si parece que se deu de conta o Concelleiro, segundo Salvador González, é do cabreo xeral que montou coa hostalería, e que agora tentaba arranxalo dándolles un pequeno caramelo con esta modificación.
Unha modificación que segundo explica o PP foi realizada sen ningún rigor, sen ningunha análise económica que xustificase esta modificación e nin tan sequera, unha comparativa dos custos de todas as ordenanzas municipais de ocupación da vía pública: como terrazas, venda ambulante,…, porque si as diferenzas entre terrazas e venda ambulante xa eran claras, con esta proposta incrementarían aínda máis estas, o que se traduciría nunha maior discriminación cara os ambulantes.
Rematou González Solla, pedíndolle o Concelleiro que escoitase aos hostaleiros, que acordase con eles e coa Corporación as súas demandas e necesidades, e propuxese unha modificación da ordenanza adaptada ás necesidades do sector, para o cal pediu a retirada deste punto da orde do día, cousa que o goberno non tivo máis remedio que facer.