A súa realización representou o emprego de 8 m3 de granito e requiriu máis de 300 horas de traballo
A Deputación de Pontevedra instalou onte no parque das Pombas, en Ponteareas, unha pista de skate realizada pola Escola de Canteiros da institución provincial. A elaboración do conxunto de elementos integrantes da pista foi financiada pola Deputación; requiriu máis de 300 horas de traballo e representou o emprego de 8 m3 de granito.
A pista de skate está composta por nove elementos de granito galego aptos para a práctica de deportes de rodas, cunha dificultade inicial e media. Consta dun wallrider curvo, un caixón, unha pirámide en ángulo recto, un wallrider cun arco, un caixón curvo, un wallie, unha pirámide normal, un caixón en baixada e unha pirámide corner.
A pista foi instalada de xeito integrador coa natureza do contorno do parque, unha vez realizado un estudo xeotécnico do terreo e a súa correspondente cimentación, traballo este acometido polos operarios municipais.