O actual secretario do partido, Andrés Sampedro, e a arquitecta Silvia F. Táboas serán os números 2 e 3 na candidatura do PP en Ponteareas

  • Andrés Sampedro Fernández achega a súa ampla experiencia en política local e Silvia Fernandes Táboas é parte da aposta pola amplia renovación do PP en Ponteareas.
  • Cunha importante traxectoria profesional, Fernandes Táboas participa por primeira vez en política e aporta a súa experiencia en deseños de proxectos urbanísticos e a súa participación no Plan EDUSI de Ponteareas
  • Belén Villar destaca que as mulleres terán un papel moi importante na súa candidatura e que a lista renovouse nun 80%.

Ponteareas, 9 de abril de 2019.- A voceira e candidata do Partido Popular á Alcaldía de Ponteareas, Belén Villar, anunciou o nome das dúas persoas que ocuparán o número 2 e 3 da súa candidatura para as eleccións municipais do 26 de maio. O actual edil e Secretario Xeral do partido local, Andrés Sampedro, ocupará o número dous da candidatura, seguido da arquitecta Silvia F. Táboas.

Andrés Sampedro, historiador aficionado, investigador e escritor nado en Ponteareas. Estudou filoloxía na Universidade de Vigo-Santiago de Compostela e na Universidade de Educación a Distancia. No seu compromiso co estudio, mantemento e difusión da cultura galega foi Fundador da Asociación Galega de Etnografía e Muiñoloxía “Amigos dos muíños” da que foi vicepresidente, membro da Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía, membro tamén do Instituto de Estudios Condado-Paradanta do Tea. Membro fundador da Asociación de Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedra e Petos de Ánimas. No ámbito nacional foi membro da dirección nacional da Asociación para Conservación y Estudio de los Molinos (ACEM). Responsable da sección lexicográfica da revista molinum publicada pola ACEM. Foi colaborador de diversas revistas de carácter etnográfico e na prensa galega, como no apartado de Etnografía do suplemento Bisbarra do diario decano da prensa nacional Faro de Vigo.

Silvia é natural da parroquia de Xinzo, Licenciada en Arquitectura pola Universidade de A Coruña e completou a súa formación cunha bolsa na Escola de Artes Os Leôes de Évora. Desempeña a súa profesión nun estudio de arquitectura e urbanismo e ao longo da súa traxectoria traballou, tamén, noutros estudios e nun despacho de avogados. Ten formación en idiomas e aporta a súa experiencia en deseño de proxectos urbanísticos como a súa participación no recente Plan EDUSI do Concello de Ponteareas. Ademais é membro e tesoureira  da Banda de Música Xuvenil de Xinzo.

Belén Villar, que xa pechou os contactos con todas as persoas que formarán parte da candidatura, adianta que as mulleres terán un papel moi relevante na mesma. “Nos vindeiros días iremos presentando o resto do equipo que forma parte deste ambicioso proxecto para a nosa vila. Agradezo a todos o seu traballo e aportación ao partido así coma que aceptasen acompañarme neste fermoso e duro camiño de facer un Ponteareas mellor. A lista renovouse un 80% porque a renovación era parte do meu compromiso cando adquirín a presidencia do partido. Agradezo os compañeiros que non repiten o seu traballo e animoos a que, dende outra posición, sigan aportando ideas a este proxecto”.