O PP denuncia vertidos de augas fecais en vivendas e comercios próximos á obra do paseo matutino

– A reforma foi aberta para o mitin de presentación de Represas pero atópase sen terminar

-“Non se asfaltou, non hai sinalización e agora descubrimos que, con estas primeiras choivas, producíronse graves verteduras de fecais na superficie”

-O PP solicita unha explicación ao goberno, xa que falamos dunha obra nova, e estes problemas non deberían de producirse

 

Ponteareas, 23 de xaneiro de 2019.- O PP denuncia vertidos de augas fecais no recentemente reformado paseo matutino. Esta obra é financiada pola Deputación de Pontevedra, que xa en 2015 e antes do cambio de goberno deixou consignada unha partida de preto de 200.000 euros.

O PP denuncia o culebrón que supuxo a xestión da única obra que acometeu este goberno nestes catro anos. “É unha obra que deixou o PP:  tanto o proxecto como a partida económica. A finais de 2015, Represas decidiu cambiar o proxecto porque dixo que o do PP era inviable. En 2017 anunciou o inicio das obras. En 2018, despois de que denunciamos que non se iniciaron e que se perdía o diñeiro, executáronas á présa. Abriuse hai uns días para o mitin de presentación de Represas, pero o certo é que está sen terminar. No referente ao asfaltado e sinalización pódese corrixir pero preocúpanos a vertedura de fecais que se produciu, porque se algunha tubaxe quedou mal colocada implicaría ter que volver abrir a rúa e cortala prexudicando, de novo, aos veciños, comerciantes e hostaleiros da zona”, advirten os populares.

 

O PP considera que debe solucionarse este problema de inmediato e por iso solicitará explicacións aos responsables locais sobre a execución da obra. “A decisión de abrila sen sinalización e por que, despois dunhas pequenas choivas, encharcouse todo con augas fecais. É unha obra nova, antes non sucedía, os comerciantes están moi enfadados. Sufriron o peche estes tres meses en plena época do Nadal e agora atópanse cunha rúa sen terminar e que xera uns problemas que antes non tiñan”.