O PP defende ás traballadoras da Escola Infantil esixindo ó Goberno local que inclua no Convenio a clasificación profesional que lles pertence

O Goberno debe fixar no novo Convenio que están a elaborar a clasificación profesional das técnicas en educación, pasando dun grupo de convenio 4 a un grupo de convenio 3.

 – As traballadoras da Escola infantil formáronse e lograron a capacitación necesaria para adaptarse a nova normativa.

 

O PP ven de presentar no día de onte unha moción para debatir no próximo Pleno municipal en defensa das Educadoras da Escola Infantil, para que o Goberno fixe no novo Convenio que están a elaborar a clasificación profesional destas técnicas en educación, pasando dun grupo de convenio 4 a un grupo de convenio 3.

Na Escola Infantil hai 13 traballadoras que aparecen na Plantilla de Persoal cunha categoría de Auxiliar Puericultura dentro do grupo de convenio 4. A clasificación deste persoal nun grupo 4 ten a súa orixe no ano de apertura do Centro da Escola infantil, porque era naquel momento a clasificación que esixía a Lei para este tipo de traballadoras, e deste xeito quedou recollido no Convenio.

Posteriormente a Xunta mudou a normativa e o que ata agora eran auxiliares de puericultura cunha titulación non superior a EGB, agora pasan a chamarse Técnicas en educación infantil e esíxeselles unha titulación de FP Técnico, pasando a estar clasificadas profesionalmente como grupo 3.

As traballadoras da Escola infantil formáronse e lograron a capacitación necesaria para adaptarse a nova normativa, e agora a forma de poder recoñecerlles a clasificación que lles pertence por formación e por experiencia é fixando a categoría profesional no Convenio.

Co cal neste momento no que o Concelleiro de Persoal traballa na elaboración dun novo Convenio é cando debe recoller esta nova clasificación e fixar a categoría profesional adecuada a formación destas traballadoras, e se non se aproba o Convenio, o PP pedirá no Pleno que o Goberno inicie un expediente de modificación da Plantilla de Persoal para cambiar a categoría das prazas de Auxiliar de Puericultura á categoría de Técnico en Educación infantil, así como para modificar o grupo de convenio das mesmas prazas de grupo 4 a grupo 3.