No próximo Pleno, o PP solicitará a dimisión do Concelleiro de Comercio, Mario Lago

– O Grupo Municipal do Partido Popular solicitará da Corporación Municipal a dimisión do concelleiro de comercio polas graves e desafortunadas manifestacións publicadas nunha rede social sobre os comerciantes e veciños afectados da decisión do goberno local de peonalizar a Praza Maior. 

No Pleno Ordinario da Corporación Municipal do pasado 28 de xuño, fíxose público un escrito extraído das redes sociais, onde o Concelleiro de Comercio, o Sr. Mario Lago Moriña dicía: “Ponteareas, ese pueblo donde algunos comerciantes tradicionalistas tratan de evitar una peatonalización de la plaza mayor y algunas calles, esos mismos que protestan por tener música en la calle, esos que en vez de competir con el comercio del área de Vigo se preocupa más de obedecer a unas siglas políticas que en el beneficio de un pueblo en general. Me pregunto acaso el Opus dei está más preocupado de que se vendan más condones que hasta ahora? en fin ejemplos de peatonalización tenemos en otros ayuntamientos Sevilla, Vigo (Calvario, casco vello, principe, etc) AVILA, Pontevedra, Leon… así nos va. Si a la peatonalización por el beneficio de tod@s”.

Ante estas desafortunadas afirmacións, o representante dos veciños e comerciantes, instou ao sr. Concelleiro a que pedira desculpas polo graves insultos proferidos contra os comerciantes, hostaleiros, veciños e residentes que intentan loitar polo mantemento dos seus negocios e acceso ás súas vivendas, xa que a súa finalidade principal non é outra que a de manter uns postos de traballo e loitar día a día para poder comer.

A resposta do sr. Concelleiro foi máis que sorprendente, xa que se reafirmaba no que había expresado na rede social e matizaba que non pedía desculpas formais.

Por todo o acontecido, imos solicitar ao Pleno Municipal que o sr. Concelleiro pida desculpas públicas aos comerciantes e empresarios afectados polas súas infortunadas verbas. Tamén, que o Pleno acorde reprobar ao sr. Concelleiro do Partido Socialista e responsable da área de Comercio, polas manifestacións expresadas nas redes sociais sobre o colectivo de comerciantes e empresarios da Praza Maior e rúas adxacentes. Por último, instaremos ao sr. Concelleiro de Comercio, Sr. Mario Lago Moriña a que, atendendo o sentir dos afectados, presente de forma irrevogable a súa dimisión inmediata.