O PP leva ó Pleno a creación dunha Comisión de Estudo e Traballo para elaborar un Plan integral de Humanización da Vila de Ponteareas

O Portavoz do PP, Salvador G. Solla, solicitará que de maneira urxente, se poña en marcha a comisión de estudo e traballo para consensuar un Plan Integral de Humanización na que estean representadas as partes interesadas e as forzas políticas

Despois dun ano de goberno tripartito en minoría no Concello de Ponteareas, este está a levar unha política desnortada, cunha nula xestión e planificación, cunha total improvisación e sobre todo, cun nulo consenso e participación colectiva e veciñal, que nada ten que ver co que predicaban, prometían e pedían cando estaban na oposición, e por suposto, que en nada cumpre co famoso acordo de gobernabilidade asinado no seu día e que supostamente sustenta a totalidade deste goberno local.

Entre outras ocorrencias ou improvisacións deste goberno, vén agora a de peonalizar a Praza Maior, a rúa Esperanza e a rúa Oriente; improvisación que nace sen ningún plan integral de humanización consensuado ou participado, e por suposto, unha vez máis, sen ningún diálogo cos grupos políticos da corporación, veciños, comerciantes, hostaleiros e empresarios da zona afectada, despois de convocalos a unha reunión, cando previamente xa enviaran unha nota de prensa aos medios de comunicación anunciando xa a medida do peche do trafico desta zona.

Este é o consenso e a participación dun goberno que presume de chamarse progresista, pero máis ben é un goberno da contradición, que dicía unha cousa cando estaba na oposición, e agora no goberno fan todo o contrario, dun goberno que pregoa que gobernan para todos os veciños de Ponteareas, e dun goberno que presume de apoiar ao comercio local e a hostalería, cando na realidade xustamente acontece todo o contrario, e tan só basta comprobar o gran descontento e malestar que están provocando con moitos dos sectores implicados: comercio, hostalería, taxistas, colectivos e veciños en xeral.

Facendo un pouco de memoria, xa no ano 2007, unha vez rematada a remodelación da Praza Maior e as rúas de Oriente e Esperanza, en diferentes plenos, tanto o PSOE como o BNG, ante un plantexamento similar do goberno do PP, de pechar ao tráfico a Praza Maior, presentaban diferentes mocións nas que propoñían unha solución pactada cos grupos políticos, cos veciños e cos comerciantes, para a creación dunha Comisión de Estudo e de Traballo para deseñar un Plan de Humanización da Vila, froito do consenso e a participación. Onde propuñan que mentres non se construíse un novo aparcadoiro soterrado na Praza Bugallal, se habilitase un sistema de accesibilidade á praza e as rúas do centro remodeladas co fin de minimizar o dano económico ao comercio da zona.

Polo tanto, ante esta forma de actuar de maneira unilateral e arbitraria, dende o GM do PP, instaremos ao goberno que cumpra co que defendían e solicitaban no seu día, cando estaban na oposición, e esiximos que non muden de postura enganando unha vez máis aos veciños e comerciantes. Tamén pediremos ao Sr. Alcalde, porque daquela así o plantexaban, a constitución urxente dunha Comisión de Estudo e Traballo, formada por todos los Grupos Políticos, comerciantes, hostaleiros e residentes da zona, que se encargue de elaborar un Plan Integral de Humanización da Vila, con seriedade e rigor. Tamén, solicitaremos ao goberno local á retirada dos sinais indicativos de restrición de paso á Praza Maior, namentres non se consensúe dito Plan Intregal de Humanización na Comisión creada ao efecto. Instaremos ao goberno local a que poña en marcha a Comisión de Estudo e Traballo cinco días despois da súa aprobación polo Pleno da Corporación. Por último, solicitaremos ao goberno local que mentres non se acaden solucións ao aparcadoiro, se leve a cabo a ampliación da zona azul no fondo de dita Praza, fronte ao edificio da Seguridade Social.