ALFONSO RUEDA ASEGURA QUE «NAVA CASTRO É A ALCALDESA QUE PONTEAREAS NECESITA PARA DEVOLVERLLE AOS VECIÑOS A ILUSIÓN PERDIDA»

Castro: “É posible e urxente que recuperemos as oportunidades perdidas nos últimos anos”

Ponteareas, 13 de maio de 2023. O presidente do PPdeG asegurou que Nava Castro é a alcaldesa que Ponteareas necesita para devolverlle aos veciños a ilusión perdida e que o concello bote a andar polo camiño correcto

Reivindicou que a traxectoria da candidata popular é o seu mellor aval xunto ao seu alto nivel de compromiso e dedicación en todo o que fai, polo que non dubida de que ela e o seu equipo serán a mellor garantía de avance para Ponteareas

Rueda apuntou que Ponteareas precisa dun goberno que saiba chegar a acordos coa Xunta polo ben da súa veciñanza, poñendo en valor o compromiso do Goberno galego con investimentos neste concello como a nova unidade de saúde mental, o mantemento da residencia de maiores e o financiamento de 20 prazas no centro de día

Tamén os 1,5 M€ investidos nos centros educativos, as melloras no saneamento, o acceso á plataforma loxística-industrial de Salvaterra-As Neves (20,5 M€) e as axudas en emerxencias e apoio ao comercio

A isto habería que engadir outros proxectos que a Xunta xa ten en marcha e que van cambiar Ponteareas: o novo centro de saúde, a creación dun sendeiro pola ribeira do Umia ou o impulso do destino turístico Condado-Paradanta mediante dous Plans de Sostibilidade

O líder do PPdeG prognosticou que o cambio de rumbo en Ponteareas será a antesala do cambio de rumbo que vai vivir tamén España con Núñez Feijóo na Moncloa para deixar atrás a parálise, os incumprimentos e a decepción

Animou así aos veciños de Ponteareas a elixir unidade, interese, xestión e ilusión cun goberno libre, con proxectos e con compromiso como o que Nava Castro está chamada a encabezar

A candidata comprometeuse a situar Ponteareas no mapa do turismo, da economía, do comercio e das oportunidades para as mozas e mozos

Nava Castro asumirá persoalmente as áreas de Facenda e Turismo do Concello, para o que pon a disposición dos seus veciños a súa dilatada experiencia na xestión pública e o seu profundo coñecemento das institucións

Na súa intervención puxo o foco no risco que supón a división do voto e animou a todas aquelas persoas que desexan unha Ponteareas mellor a loitar contra a abstención: “Quedar na casa o 28 de maio ou escoller outras papeletas favorecerá unicamente ao bipartito que leva 8 anos colocando o noso concello no ostracismo”