NAVA CASTRO, APOSTA POLO DESENVOLVEMENTO RURAL E OS PRODUTOS DE PROXIMIDADE COMO O PEMENTO DE GULÁNS, NUN ENCONTRO CON INÉS SANTÉ (AGADER) E JOSÉ LUIS CABARCOS (AGACAL)

  • Tanto Nava Castro, como Santé e Cabarcos, destacaron as posibilidades do rural como dinamizador da economía e garante da calidade de vida
  • Explicaron as axudas dirixidas á comercialización de produtos de proximidade e calidade así como formación

Ponteareas, 18 de abril de 2023.- A candidata á alcaldía Nava Castro, moderou este pasado sábado un encontro aberto ao público, no que participaron a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luís Cabarcos.

O acto, celebrado no Centro Cultural de Guláns, versou sobre as enormes posibilidades do rural que, en palabras de Castro, «ofrece calidade de vida e debemos aproveitar os instrumentos que nos da». Bo exemplo é o pemento de Guláns, produto de proximidade que debería poñerse en valor pola súa calidade.

Inés Santé, directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, falou da nova Lei de recuperación da terra agraria que ten como obxectivo superar o minifundismo de Galicia e acadar parcelas de maiores dimensións ás que poderlle sacar. Ademais afondou nos instrumentos de mobilización que brinda a lei, como as aldeas modelos, polígonos agroforestais e as actuacións de xestión conxuntas.

Pola súa banda, José Luís Cabarcos, director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria falou da conveniencia de utilizar en comedores como os escolares ou residenciais, produtos de proximidade. E respecto das posibilidades do pemento de Guláns, “informou das axudas para poder comezar a comercializar o produto, apoiar a investigación e formarse la elaboración de produtos alimentarios, como podería ser por exemplo a conserva vexetal de pemento de Guláns”.

Tanto a candidata á alcaldía, Nava Castro, como Inés Santé e José Luís Cabarcos, sinalaron as enormes posibilidades do rural e os instrumentos que, desde a Xunta de Galicia, se están a promover para un desenvolvemento do mesmo. «Estamos convencidos que o rural ten futuro», en palabras de Nava Castro.