
RAQUEL PLANA, MÉDICO DE FAMILIA E COORDINADORA MÉDICA DO CENTRO DE SAÚDE DE PONTEAREAS É Á NÚMERO TRES NA LISTA QUE ENCABEZA NAVA CASTRO
- A doutora Plana Pintos leva 27 exercendo como médico de atención primaria, os últimos 17 no centro de Ponteareas
- Firme defensora da sanidade pública, conta cunha dilatada experiencia e compromiso coa atención e educación sociosanitaria á cidadanía
- A candidata á alcaldía, Nava Castro, destaca a capacidade de xestión de Plana e o seu compromiso co benestar dos pontareanos e pontareanas
Ponteareas, 14 de febreiro de 2023. A candidata á alcaldía do Concello de Ponteareas, Nava Castro, segue desvelando nomes dos integrantes do equipo co que recuperar o goberno local. O número tres da lista é a doutora Raquel Plana, Xefa de Servizo do Centro de Saúde de Ponteareas, “unha muller moi activa e involucrada na vida diaria da vila” en palabras de Castro.
Raquel Plana Pintos, é unha firme defensora da Sanidade Pública, na que leva traballando 27 anos, os últimos 17 no Centro de Saúde de Ponteareas e, desde 2021 como Xefa de Servizo do mesmo. A súa especialidade é medicina de familia e, precisamente esta posición á fronte da atención sanitaria, é a que lle permite coñecer de primeira man as necesidades dos veciños e veciñas de Ponteareas.
Segundo Raquel Plana, “a sanidade pública debe funcionar en tempo e forma” e asegura que acepta a proposta de Nava Castro co obxectivo de “mellorar a realidade sociosanitaria de Ponteareas e a calidade de vida dos seus habitantes”. Respecto a súa unión á candidatura, Plana afirma que “confío no proxecto e na xestión que Nava leva desenvolvido en diferentes ámbitos da administración durante tantos anos”.
Pola súa banda, Nava Castro define a Raquel como unha muller con “alta e demostrada capacidade para dirixir equipos, coñecedora das necesidades do pobo ao que leva vencellada case 20 anos” e está segura de que “aportará novas ideas no ámbito social e sanitario que farán avanzar a Ponteareas”. Coñecida por unha ampla maioría dos pontareanos debido ao seu traballo no centro de saúde da vila é coñecida tamén, polo seu labor de promoción dos hábitos de vida saudables. A través da súa implicación no Plan de Saúde Local, impulsado pola Consellería de Sanidade, Raquel Plana leva anos ofrecendo charlas divulgativas de mellora da calidade de vida.